Ana Ortiz felicita ao equipo de estudantes do IES Carlos Casares de Vigo que logrou o segundo posto na feira científica Exporecerca Jove de Barcelona

A delegada territorial visitou as instalacións do instituto vigués no que se levou a cabo un investimento de 100.000 euros para a mellora da iluminación

Vigo, 10 de abril de 2024

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, visitaron este mércores o IES Carlos Casares de Vigo, situado na avenida da Ponte, tras finalizar as obras de mellora de iluminación levadas a cabo pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Segundo explicou a representante autonómica, as obras tiveron un investimento superior aos 100.000 euros coa finalidade de substituir as iluminarias, falsos techos e instalación eléctrica.

Durante a visita tamén fixo un percorrido polo centro educativo e coñeceu ao grupo de estudantes que participou o pasado mes na feira científica Exporecerca Jove, en Barcelona. O equipo integrado por Ángel Lamela, Daniel Rodríguez, Icía Carrera e Roque Miguéns acadou o segundo posto co seu proxecto sobre un modelo funcional de hidroxenera e motor de combustión alimentado por hidróxeno. O seu proxecto xa resultou premiado o ano pasado no festival Cinvigo organizado na Porta do Sol.

Ana Ortiz tamén lembrou que a Xunta de Galicia está a acometer importantes obras no conxunto dos centros escolares de Vigo. Así, puxo como exemplo o novo IES de Navia que o Goberno galego construirá cun orzamento aproximado de 14M€. Levará o nome do escritor vigués Domingo Villar e nestes momentos xa está en fase de redacción de proxecto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/04/2024