A Xunta convoca as axudas para a consolidación das asociacións de mulleres e o fomento de actividades no eido da igualdade e da violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, informou nunha visita que fixo a Acadar da nova orde que saíu hoxe publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG)

A Xunta contribuirá con preto de 320.000 euros a atender os gastos correntes derivados do mantemento e funcionamento das entidades e a apoiar os seus programas de traballo con mulleres vítimas da violencia de xénero ou para a promoción da igualdade

A iniciativa pon especial foco nas mulleres rurais, nas maiores e nas que se atopan en situación de vulnerabilidade

O Goberno galego investiu nos últimos cinco anos (2019-2023) preto de 1,4 millóns de euros a estas axudas que de media benefician ao ano a 50 entidades

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2024

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, visitou hoxe en Santiago de Compostela a sede da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar), onde informou da nova convocatoria de axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinadas á consolidación do movemento asociativo feminino e para a promoción de actividades en materia de igualdade, prevención da violencia de xénero e de atención ás vítimas. Precisamente, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde coa que o Goberno galego mostra especial atención ás vítimas que residen no medio rural, ás maiores e ás que se atopan en situación de vulnerabilidade.

Con este programa trátase de apoiar ás asociacións de mulleres e federacións constituídas por elas, sen ánimo de lucro, coa finalidade de fortalecer o movemento asociativo feminino e potenciar a participación social e a calidade de vida das galegas.

As axudas teñen como obxectivo o impulso e a dinamización das asociacións de mulleres,  con especial atención ao ámbito rural, onde se quere visibilizar e poñer en valor o papel feminino como factor de dinamización, de loita contra as violencias machistas, da mellora da calidade de vida nas comunidades e axente fornecedor do tecido social.

Dúas liñas de axuda

A convocatoria, na que se invisten 318.000 euros, consta de dúas liñas. A primeira, relativa á consolidación do movemento asociativo, está destinada a compensar os gastos correntes que orixine o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e das súas federacións, xerados no período comprendido entre o 1 de outubro de 2023 e o 30 de setembro de 2024, ambos os dous incluídos. A contía máxima da axuda prevista por entidade é de 4.000 euros.

En canto á segunda liña, está dotada con 150.000 euros no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Prevé apoios á promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento ás vítimas, co foco posto nas mulleres rurais, nas maiores e nas que se atopan en situación de vulnerabilidade. As contías, ata un máximo de 6.000 euros, permitirán financiar actividades desenvolvidas entre o 1 de decembro de 2023 e o 30 de novembro de 2024.

Neste caso, as actuacións deben responder a algunha das catro tipoloxías seguintes: accións de sensibilización e concienciación social en materia de igualdade e prevención de violencia de xénero; actuacións para o empoderamento e a participación activa da cidadanía feminina; iniciativas para facilitar a adquisición de competencias e habilidades básicas para unha maior autonomía das mulleres e, por último, medidas específicas dirixidas á prevención da violencia contra as mulleres e ao acompañamento ás vítimas.

Todas as actuacións deberán incorporar a perspectiva de xénero de xeito transversal e empregar linguaxe inclusiva en todos os materiais das actividades.

Prazo de solicitude

A convocatoria abre o seu prazo de solicitude mañá, 11 de abril, ata o próximo 10 de maio. Poden optar aos apoios, asociacións ou federacións de mulleres sen ánimo de lucro e con domicilio social en Galicia inscritas no Rexistro único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais na área de Igualdade. Así, deben estar constituídas por un mínimo dun 90% de mulleres e ter como obxectivos a promoción da igualdade entre homes e mulleres e a participación das mulleres na vida política, económica e social, entre outros requisitos.

O Goberno galego investiu nesta liña de apoios desde 2019 e ata 2023 preto de 1,4 millóns de euros. De medida, benefícianse das axudas unhas 50 entidades.

Acadar

A secretaria xeral da Igualdade explicou que Acadar foi beneficiaria desta liña de axudas nos últimos 14 anos, recibindo apoios por valor de 39.500 euros desde o ano 2010. Esta entidade, ademais, beneficiouse desde 2009 ata o de agora doutras axudas da área de Igualdade da Xunta de Galicia que sumaron en global (incluídas as destinadas ao asociacionismo feminino) preto de 415.000 euros.

Gabou o traballo da entidade que desde 2009 centra o seu labor en mover, coordinar e reivindicar a defensa dos dereitos das mulleres con discapacidade en todos os ámbitos da vida, facendo visible a interacción dos diversos factores que condicionan a súa autonomía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/04/2024