A Xunta asina co concello de Ares o convenio de colaboración para acometer as obras de emerxencia no saneamento municipal por importe de 1,15 M€

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o alcalde de Ares, Julio Iglesias, firmaron hoxe este acordo de xeito telemático

O obxectivo é prestar apoio técnico e económico ao Concello para resolver a situación xerada pola rotura do colector municipal que atravesa a praia do núcleo urbano

A Xunta financiará o 80% dos traballos, cunha achega de 920.000 €, e a entidade local asume o financiamento restante e encárgase da súa execución

O Goberno galego dá así resposta á solicitude do Concello de Ares e contribúe a evitar o risco para a poboación nas zonas de baño e para o medio ambiente

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2024

A Xunta vén de asinar co Concello de Ares o convenio de colaboración para executar as actuacións extraordinarias para garantir o servizo de saneamento municipal, que suporán un investimento de 1,15 M€.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o alcalde de Ares, Julio Iglesias, firmaron hoxe este acordo de xeito telemático.

O obxectivo é prestarlle apoio técnico e financeiro ao Concello para resolver a situación derivada da rotura, o pasado 22 de febreiro, do colector do sistema municipal de saneamento que atravesa a praia do núcleo urbano.

O Goberno galego financiará nun 80% as actuacións, coa achega de 920.000 euros, asesorando e prestando o seu apoio técnico na execución das obras.

O Concello de Ares, pola súa banda, asume o 20% restante do custo das intervencións, así como a declaración das obras como emerxencia, procedendo tamén á súa execución e posterior mantemento.

Actuacións

O saneamento do núcleo de Ares está formado por unha rede de sumidoiros por gravidade que verte nun colector común que discorre lonxitudinalmente paralelo á liña de costa e que leva a auga residual ata o bombeo de Ares, desde onde se impulsa sucesivas veces ata chegar á estación depuradora de augas residuais situada en Punta Avarenta.

O  22 de febreiro produciuse unha rotura no tramo inicial do colector que discorre paralelo á praia, o que deu lugar a unha vertedura directa de augas residuais ao mar e a entrada de auga de mar e area cara ao citado colector.

A Xunta, tras coñecer estas deficiencias no funcionamento do colector, púxose en contacto de xeito inmediato co Concello para ofrecerlle apoio e colaboración de cara a resolver este problema.

Co fin de minimizar o impacto ambiental da vertedura realizáronse actuacións provisionais de contención da emerxencia, dada a complexidade da reparación e á espera de realizar un estudo técnico sobre a solución para restablecer o funcionamento do colector.

Unha vez emitido o informe técnico xustificativo da necesidade de levar a cabo intervencións extraordinarias para a reparación do colector e co obxectivo de eliminar o vertido incontrolado de augas residuais sen tratar ao mar, a entidade local declarou o 14 de marzo a emerxencia das actuacións extraordinarias para garantir o saneamento, ordenando a execución inmediata das obras e subministro para asegurar o funcionamento da rede municipal.

Cómpre lembrar que nos últimos anos, a Xunta levou a cabo actuacións para a mellora do saneamento municipal de Ares por un importe global de 30 M€, incluíndo a execución do citado colector, que foi entregado ao Concello no ano 2014, para a súa conservación e mantemento.

 

Data de actualización: 09/04/2024