A Xunta recibe 8 ofertas para executar as obras de mellora do firme en 3 estradas autonómicas en Nigrán e Gondomar, que suporán un investimento de 1,3 M€

A previsión é iniciar as actuacións este verán para telas rematadas este mesmo ano

Actuarase nas estradas PO-340, PO-331 e PO-332, rehabilitando o firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe

Tamén se reporán os pasos sobreelevados e pavimentarase a zona de aparcamento

A Xunta segue traballando para manter as vías de titularidade autonómica nas mellores condicións e garantir a seguridade viaria

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2024

A Xunta recibiu 8 ofertas de empresas para executar as obras de mellora do firme nas estradas autonómicas PO-340, PO-331 e PO-332 ao seu paso polos concellos de Nigrán e de Gondomar, que suporán un investimento de 1,3M€.

A previsión é iniciar estas actuacións no verán para telas executadas neste mesmo ano.

As intervencións levaranse a cabo no treito da PO-340, a estrada que une Tui e A Ramallosa, entre os puntos quilométricos 17+000 e 21+500; na PO-331, que une Torneiros e Gondomar, desde o quilómetro 14+460 ao 19+060; e no treito inicial da estrada PO-332, Nigrán-Vincios, do quilómetro 0 ao 8+560.

As actuacións teñen como obxecto a rehabilitación localizada do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, coa finalidade de mellorar as condicións de circulación en varios treitos destas 3 estradas.

Como actuacións complementarias inclúese a reposición de pasos sobreelevados e o pavimentado da zona de aparcamento, mediante a retirada do material granular existente ata una profundidade de 30 cm, para a continuación repoñer cunha sección de firme.

As obras completaranse co pintado da sinalización horizontal dos treitos de actuación en todas as estradas e barreira de seguridade onde sexa preciso.

O Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade autonómica nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios.

Data de actualización: 09/04/2024