A Xunta celebra o remate de novas formacións en Ourense en colaboración con Cáritas no marco do proxecto pioneiro de arraigamento para persoas migrantes en situación irregular

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, participou no acto de entrega dos diplomas acreditativos, onde se puxo de relevo que a meirande parte das persoas participantes xa están traballando ou con proposta para facelo

Puxo en valor a iniciativa, á que ademais de Cáritas Federadas en Galicia tamén se sumou a Federación de Escolas Familiares Agrarias (EFA) e Cáritas Diocesana de Lugo, e coa que se prevé beneficiar inicialmente arredor dun cento de persoas migrantes

As formacións que veñen de concluír centráronse nos sectores da atención sociosanitaria, forestal, da beleza, da hostalaría, da mecánica, da construción e da limpeza para dar resposta a parte das 12.000 vacantes existentes no mercado laboral

Ourense, 8 de abril de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, participou hoxe no acto de entrega dos diplomas acreditativos das formacións que se desenvolveron coa colaboración de Cáritas Diocesana de Ourense no marco do proxecto piloto de arraigamento para a formación dirixido a persoas inmigrantes en situación irregular. Destacou que foi “dos primeiros proxectos que puxen en marcha como conselleira”, unha iniciativa pioneira e “ambiciosa” que persegue que estas persoas poidan obter unha autorización de residencia e de traballo que facilite a súa integración sociolaboral e a regularización da súa situación, ao tempo que se contribúe tamén a facer fronte á escaseza de man de obra en certos sectores do mercado laboral.

No acto púxose en valor que todos os participantes nestas formacións que veñen de concluír teñen permiso de residencia e a meirande parte están xa traballando ou con proposta de emprego en firme. Os cursos nos que participaron centráronse nos sectores da atención sociosanitaria, forestal, da beleza, da hostalaría, da mecánica, da construción e da limpeza para dar resposta a parte das 12.000 vacantes laborais existentes.

Convencida de que “a mellor politica social que podemos facer é o emprego”, Elena Rivo agradeceu a implicación de Cáritas Federadas en Galicia no programa ao que tamén se sumou a Federación de Escolas Familiares Agrarias (EFA) e Cáritas Diocesana de Lugo, sinalando que a previsión inicial é que arredor dun cento de persoas poidan regularizar a súa situación grazas a el. 

Cómpre lembrar que poden beneficiarse desta iniciativa persoas en situación irregular en España cunha permanencia mínima de dous anos no país, sen antecedentes penais e que se comprometan a realizar unha formación das establecidas, para obter unha autorización de residencia e traballo. Antes de realizar estas formacións das que se fai cargo o Goberno galego, procedeu detectar os ámbitos con maiores posibilidades de inserción laboral e seleccionar as persoas beneficiarias, que non só son formadas de xeito gratuíto senón que tamén se lles fará un seguimento e acompañamento de cara á súa entrada efectiva no mercado laboral.     

A iniciativa consegue, deste xeito, obter persoal coa formación necesaria para cubrir os postos que ofertan as empresas e, por outra, incorporar ao mercado laboral persoas que se atopan traballando de maneira precaria ou directamente irregular, que conseguen -grazas ao programa- permiso de residencia e de traballo. 

O proxecto pioneiro que comeza a dar os seus froitos enmárcase nas medidas da Xunta centradas en impulsar a formación para o emprego, de cara á consecución dun traballo estable e de calidade e para, ao tempo, cubrir as vacantes existentes.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/04/2024