A delegación territorial da Xunta en Lugo acollerá esta fin de semana unhas xornadas sobre a cultura grecorromana

Organizadas pola Asociación Cultura Clásica co apoio do Goberno galego, contarán con estudosos da materia de España e outros países europeos

Lugo, 4 de abril de 2024

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acollerá esta fin de semana as XVIII Xornadas de Cultura Clásica, organizadas pola Asociación Cultura Clásica co apoio do Goberno galego e nas que participarán recoñecidos estudosos das linguas e as civilizacións grega e romana de ámbito nacional e internacional.

O programa foi presentado hoxe na Delegación, coa asistencia da secretaria territorial, Marta Barreiro, e de María Carballeira, representante en Galicia da entidade organizadora.  Lugo toma o relevo de Sevilla, sede das xornadas o pasado ano, e doutros escenarios que a precederon desde a primeira edición no 2005, como Almuñecar, Granada, Cartagena, Málaga, Baeza ou Mérida.

O obxectivo da organización é contribuír ao estudo e difusión do latín e o grego e da cultura de Grecia e Roma. A convocatoria está especialmente dirixida a profesorado e estudantes de Linguas Clásicas, Ciencias Sociais, Filosofía, Lingua Española ou Linguas Modernas, pero tamén se abriu a todas as persoas interesadas no coñecemento do mundo grecorromano.

As actividades comezarán na tarde do venres, día 5, cunha conferencia sobre o pasado romano de Lugo a cargo do arqueólogo Enrique González. Outros expertos disertarán sobre o legado clásico en Galicia, metodoloxía de ensinanza das linguas clásicas, ou os retos e oportunidades que enfrontan as Humanidades na sociedade actual.

Entre os relatores, Luke Amadeus Ranieri -divulgador en redes sociais co nome de Scorpio Martianus- dará claves para a aprendizaxe do latín e o grego de forma autodidacta, e Fernando Lillo e membros da asociación de esgrima histórica Falcata HEMA lerán cartas de soldados romanos e escenificarán técnicas de combate.

Obradoiros e outras propostas

O sábado pola tarde ofrécense distintos obradoiros didácticos no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, sobre os escuadróns (catervarius), as lucernas, a caupona e os xogos  romanos, cerámica grega ou vestimenta grecorromana.

A programación complétase con citas lúdicas, como a representación o sábado ás 20.30 no salón de actos da Delegación Territorial de Edipo Rey, a cargo da compañía de teatro Noite Bohemia, á que seguirá unha cea nun restaurante da cidade con receitas extraídas dos textos de Columela e Apicio.

Para rematar, o domingo pola mañá ofrecerase unha visita guiada por Lugo integramente en latín, dirixida polo Circulus Latinus Gallaicus.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/04/2024