A Xunta financiará a construción, mellora ou ampliación dunha vintena de equipamentos sociais municipais destinados á atención aos maiores

 Rueda salienta que a través do Plan de investimentos, o Goberno autonómico sufragará con 18,5 millóns de euros a construción “de doce novas residencias, a reforma ou ampliación doutras seis, catro novos centros de día, un centro social e un centro integral con servizos de centro de día e residencia”

Destaca que isto permitirá crear “500 novas prazas públicas de residencia e outras 150 de atención diúrna

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2024

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta vai financiar a construción, mellora e ampliación de 24 centros de atención aos maiores (residencias, centros de día, vivendas comunitarias, centros sociais...) ao abeiro do Plan de investimentos para equipamentos sociais polo que o Goberno galego pon á disposición dos concellos 18,5 millóns de euros para que reforcen a rede de atención ás persoas maiores.

Do centenar de propostas presentadas polos concellos a este plan resultaron finalmente seleccionadas 24, o que, tal e como explicou Rueda, “suporá a construción de doce novas residencias; reformar ou ampliar outras seis; impulsar catro novos centros de día; poñer en marcha un novo centro social e crear un centro integral de atención aos maiores con servizos de centro de día e residencia”. Ademais, con estas actuacións está previsto que “se creen 500 novas prazas públicas de atención residencial e outras 150 de atención diúrna”.

Unha vez escollidos os proxectos, o seguinte paso será a sinatura de convenios de colaboración plurianuais con cada concello, para desenvolver as actuacións entre este exercicio e o próximo. A previsión é que estes acordos se asinen no primeiro semestre deste ano.

Acordo coa Fegamp

Este plan de investimentos, do que o Consello coñeceu hoxe a resolución, comezou hai dous anos coa sinatura dun acordo marco coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e tras o que se abriu un prazo para que os concellos presentasen as súas propostas. Unha comisión de traballo formada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e a Fegamp encargouse de avalialas e decidir as seleccionadas.

Nesta selección deuse prioridade aos proxectos dos concellos de menos de 20.000 habitantes, tendo máis puntuación aqueles con menor poboación; dos que non tiveran recursos semellantes aos que queren construír e a aqueles cunha maior viabilidade técnica e económica.

Os importes máximos que se van financiar varía en función dos proxectos. Así, no caso de iniciativas para construír novas infraestruturas as contías son de ata 1,2 millóns de euros para residencias; 600.000 euros para un centro de día ou vivenda comunitaria e 400.000 euros para centros sociais.

As actuacións seleccionadas son as seguintes:

Concello

Provincia

Descrición proxecto

Importe financiado polo plan

Boimorto

A Coruña

Reforma e ampliación da residencia municipal

500.000,00 €

Sobrado

A Coruña

Construción centro de día

348.572,37 €

Toques

A Coruña

Construción centro de día

283.324,87 €

Abadín

Lugo

Construción residencia

1.200.000,00 €

Riotorto

Lugo

Construción residencia

1.200.000,00 €

A Bola

Ourense

Reforma de residencia

121.644,54 €

A Gudiña

Ourense

Construción fogar residencial

469.727,78 €

A Peroxa

Ourense

Construción residencia

1.200.000,00 €

Avión

Ourense

Reforma centro integral
(centro de día e residencia)

200.000,00 €

Chandrexa de Queixa

Ourense

Reforma ou ampliación de residencia

361.094,92 €

Carballeda de Avia

Ourense

Construción centro social

285.301,30 €

Laza

Ourense

Construción residencia

1.200.000,00 €

Manzaneda

Ourense

Reforma da residencia municipal

304.865,85 €

Os Blancos

Ourense

Construción mini-residencia

1.200.000,00 €

Piñor

Ourense

Construción residencia

1.199.849,09 €

Ramirás

Ourense

Construción centro de día

431.791,59 €

A Teixeira

Ourense

Construción residencia

1.200.000,00 €

Trasmiras

Ourense

Construción residencia

1.200.000,00 €

Verea

Ourense

Construción fogar residencial

728.712,00 €

Vilamarín

Ourense

Construción centro de día

599.810,61 €

Xunqueira de Ambía

Ourense

Construción residencia

1.200.000,00 €

Crecente

Pontevedra

Reforma ou ampliación de residencia

500.000,00 €

Dozón

Pontevedra

Construción de residencia e centro de día

1.500.000,00 €

Fornelos de Montes

Pontevedra

Construción fogar residencial

1.085.305,08 €

 

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/04/2024