A exposición ‘La vida que pintamos' xa pode visitarse na Casa de Galicia en Madrid
Madrid, 4 de abril de 2024
O director da Casa de Galicia en Madrid, Javier Vázquez, participou na inauguración da exposición de pintura de Fernanda Fernández, que leva por título “La vida que pintamos”.
A súa obra, de exquisita técnica realista, mostra unha procura incansable de perfección, de captar co pincel non só o que o ollo ve. A luz dos seus cadros achega máis que a estación do ano e a hora do día, fala tamén da limpeza do aire do bosque, da densidade do aire industrial, do sal do mar...
A súa visión dos obxectos e das paisaxes, tanto urbanos como inspirados na natureza, teñen unha sensibilidade que descobre o carácter desta pintora.
A exposición poderá visitarse nas salas Emilia Pardo Bazán e Álvaro Cunqueiro, da Casa de Galicia en Madrid, até o próximo 30 de abril, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.