A Xunta anuncia a posta en marcha da Liga Galega de Hip-Hop na presentación do ‘Move It Vigo’ que reunirá no IFEVI a 1.200 bailaríns

Aposta pola compatibilidade de usos dos recintos feirais como vén facendo a Xunta no recinto feiral de Expourense coa mellor pista de atletismo cuberta de España; no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo cun dos mellores rocódromos de todo o país; ou no propio IFEVI coa instalación do módulo de atletismo cuberto

Vigo, 3 de abril de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de presentar a terceira edición da competición de danza urbana Move It Vigo que terá lugar o vindeiro 6 de abril nas instalacións do Instituto Feiral de Vigo – IFEVI e que xuntará a 1.200 bailaríns de toda Galicia e das provincias de León, Valladolid, Salamanca, Las Palmas, Lanzarote, Tenerife ou Asturias. 

Lete Lasa fixo un percorrido pola evolución do baile deportivo en Galicia dende que en 2021 se recoñeceu a especialidade deportiva de break e se creou a Liga Xunta de Galicia de Breaking, en consonancia coa aposta do COI polos deportes urbanos no programa olímpico. Dende aquela, a Federación Galega de Baile, creada en 2023, conta xa con case 600 licenzas, das que o 78% son femininas; a Liga Xunta de Galicia de Breakin encara en 2024 a súa cuarta edición; e Galicia conta xa con dous campións de España de break dance como son David Amor (en sub-21) e Alicia Babarro (júnior).

O mandatario galego confirmou a continuidade desta aposta polo baile deportivo e anunciou o lanzamento da Liga Galega de Hip Hop da man da Federación Galega de Baile. Serán catro probas que comezarán o próximo 14 de abril en Narón, para continuar o 12 de maio en Mugardos, o 2 de xuño en Lugo e o 29 de xuño en Marín, nas que participarán todos os bailaríns desde a categoría baby (nacidos entre 2015 e 2020) ata a categoría premium (nados antes de 1994).

Todas estas categorías tamén estarán representadas na competición de danza urbana apoiada pola Xunta ‘Move It Vigo’ e que estará orientada na súa expresión musical e artística a todos os estilos da cultura Hip Hop, como son o Breakdance, Krump, Popping, Locking, House Dance, New Style, Waacking, Voguing, Dancehall, Afro moves ou Comercial Dance, entre outros. Deste xeito a Xunta segue apostando pola compatibilidade de usos dos recintos feirais como xa fixo no recinto feiral de Expourense coa mellor pista de atletismo cuberta de España; no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo cun dos mellores rocódromos de todo o país; ou no propio IFEVI coa instalación do módulo de atletismo cuberto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2024