Rivo pon de relevo os múltiples apoios da Xunta para impulsar o emprendemento e o emprego co gallo de afianzar o crecemento económico de Galicia

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, participou no encontro que mantivo esta tarde en Santiago o presidente da patronal española, Antonio Garamendi, co Consello Asesor e organizacións Integradas na patronal galega    

Destacou medidas como a cota cero para novas altas de autónomos, incentivos á contratación e axudas á formación para o emprego ou para a economía social, así como a Rede de polos de emprendemento que ten xa trece centros activos

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, participou esta tarde en Santiago de Compostela no encontro que mantivo o presidente da Confederación Española de Organizaciones Empresariales (CEOE), Antonio Garamendi, co Consello Asesor e as organizacións Integradas na Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Alí, puxo de relevo os múltiples apoios da Xunta ao emprendemento e á xeración de emprego e riqueza para afianzar o crecemento de Galicia.  

Situando o diálogo social como máxima á hora de desenvolver políticas laborais efectivas, a representante autonómica apostou por unha economía rexida pola igualdade de oportunidades. Unha filosofía que se estende a todas as medidas implementadas polo Goberno galego, comezando polas destinadas a persoas traballadoras autónomas, que este ano contan coa cota cero para novas altas durante os primeiros doce meses como novidade. Xunto coa liña dirixida a financiar tamén os primeiros gastos de actividade, supoñen un presuposto de 28,9 millóns de euros. 

Ao igual que esta convocatoria, continúan con prazo de solicitude aberto o programa Bono Autónomo, con 8 millóns, para desenvolver melloras en establecementos, o Bono Nova Oportunidade de 1,5 millóns, para volver emprender tras o cesamento de actividade, os 1,3 millóns de euros destinados á contratación por parte de autónomos de persoas traballadoras indefinidas e 1 millón para que os autónomos con persoas ao seu cargo poidan contratar a alguén que os substitúa cando o necesiten. Tamén están dispoñibles 6,5 millóns para apoiar o emprendemento por parte de autónomos u otras entidades empresariales.  

Na súa intervención, Rivo puxo de relevo a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta, con asesoramento personalizado e gratuíto dispoñible xa en 13 centros activos. Á espera de que abran dous Polos máis, os existentes levan atendido desde a súa posta en marcha un total próximo aos 1.500 proxectos. Entre eles, case un cento de empresas que buscan remuda e ás que se lles está a dar resposta a través dun novo plan que pon en contacto as persoas que queren deixar os seus negocios coas interesadas en retomalos.

A maiores, cómpre facer referencia ao programa Galicia Emprega, co que se mobilizan 17,5 millóns de euros co gallo de incentivar a contratación indefinida dos colectivos máis vulnerables. Tamén aos apoios á economía social, que xa suman máis de 36 millóns de euros no que vai de ano en convocatorias publicadas.

No relativo á formación para o emprego, preto de 46 millóns destínanse a obradoiros duais e a programas mixtos de formación e emprego para menores de 30 anos, que tras a solicitude dos concellos poderán beneficiar as empresas da contorna con persoal cualificado. Así mesmo, está aberta a convocatoria por 8 millóns de euros para que empresas galegas formen máis de 3.000 persoas desempregadas en 2024.

A maiores, no encontro fíxose alusión ás microformacións que se están a realizar en colaboración cos clústeres, na liña do sistema de microcredenciais polo que avoga Europa, que permite actualizar competencias de maneira áxil e mellorar as oportunidades laborais dos participantes ao tempo que se dá resposta ás necesidades detectadas en distintos sectores.

En definitiva, a representante autonómica sinalou que os presupostos de 2024 da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade sentan as bases do crecemento e do emprego futuro, cun apoio decidido ás empresas galegas porque son elas as que se encargan de xerar riqueza na nosa Comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2024