A Xunta aborda vías de colaboración co Concello de Ordes para a mellora de infraestruturas municipais

O vicepresidente primeiro en funcións, Diego Calvo, reuniuse co alcalde José Luís Martínez e coa presidenta da mancomunidade, Susana García, para coñecer diversos proxectos prioritarios

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2024

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, reuniuse hoxe co alcalde de Ordes, José Luis Martínez, e a presidenta da Mancomunidade de Ordes, Susana García, para abordar posibles vías de colaboración na mellora de infraestruturas municipais. 

Nesta liña, José Luis Martínez e Susana García presentaron proxectos prioritarios, como a rehabilitación do edificio para a sede da Mancomunidade de Ordes, que integra os concellos de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo,  e a renovación do alumeado exterior e das instalacións eléctricas do campo de fútbol de Vista Alegre, de cara a avaliar posibles liñas de financiamento.

A xuntanza enmárcase no compromiso do Goberno galego coas administracións locais, ás que, a través de diversas liñas de axudas, destinou en 2023 máis de 27 millóns de euros para o impulso de máis de 600 proxectos de melloras nas instalacións vinculadas aos servizos municipais e na contorna ambiental.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/04/2024