O DOG publica hoxe a convocatoria de novas inclusións e actualización de méritos nas bolsas autonómicas de interinos de habilitados nacionais
O prazo para a presentación das novas solicitudes ás bolsas de secretaría-intervención, secretaría de entrada e intervención-tesouraría de entrada e das actualizacións ábrese mañá e prolóngase 15 días hábiles
Santiago de Compostela, 2 de abril de 2024
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para novas inclusións e actualización de méritos nas bolsas para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos reservados a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional nas entidades locais galegas. Trátase da cuarta convocatoria de acceso ás bolsas de secretaría-intervención, secretaría de entrada e intervención-tesouraría de entrada, tras as realizadas en 2017, 2019 e 2021.
Deste xeito, o Goberno galego busca dar resposta ás necesidades de persoal detectadas nas entidades locais e ao incremento de postos vacantes nos concellos con estas novas inclusións. Ademais, a convocatoria outórgalles a posibilidade de actualizar méritos aos actuais integrantes das bolsas.
Na sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal/) poden obterse os formularios necesarios para realizar desde mañá e durante o prazo de 15 días hábiles a presentación das novas solicitudes co código PR410A, e co PR410B para presentar as peticións de actualizacións de méritos.
Nas tres convocatorias efectuadas ata agora producíronse 270 incorporacións nas listas autonómicas, ás que se sumarán as que sexan admitidas e superen tanto o proceso selectivo como o curso de formación da publicada hoxe. En concreto, producíronse 125 integracións na subescala de secretaría-intervención, 78 na de secretaría de entrada e 67 na de intervención-tesouraría de entrada.