A Xunta terá unha presenza destacada no Galicia Fórum gastronómico e apoiará a promoción de máis de 50 empresas e cooperativas alimentarias galegas

Este evento celébrase no recinto de Expocoruña do 7 ao 9 de abril e nel a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería do Medio Rural, contará cun espazo propio no que haberá 31 empresas coexpositoras

Pola súa banda, a Consellería do Mar levará o mellor sabor do peixe e mariscos de Galicia cunha zona expositiva que contará cunha aula para a realización de catas e na que estarán presentes nove empresas do sector

Galicia Calidade estará tamén presente cun espazo de máis de 90 m² onde realizará diversas degustacións, catas e presentacións dos produtos certificados pola marca de garantía e apoiará tamén a promoción de empresas amparadas por este selo

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2024

A Xunta terá unha presenza destacada no Galicia Fórum Gastronómico, que se celebrará en Expocoruña entre o 7 e o 9 de abril próximos. Diferentes departamentos do Goberno galego terán espazo propio neste evento e ademais a Xunta apoia a súa celebración e amparará máis de medio cento de empresas e cooperativas, que farán promoción dos seus produtos alimentarios nesta cita.

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, participará cun expositor propio e organizará actividades de promoción de produtos galegos con calidade diferenciada. Así, unha trintena de empresas acudirán, como coexpositoras, a esta feira no espazo da Axencia, onde poderán amosar as súas producións de calidade tales como produtos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida, agricultura ecolóxica e a recente certificación de Artesanía Alimentaria, con producións variadas entre as que se poden atopar carnes, queixos, mel ou xeados, entre outros.

Ademais, nesta edición, os consellos reguladores contarán cun área propia onde poderán facer promoción e degustacións dos produtos directamente ao público. Haberá un espazo para os viños, onde estarán representadas as cinco denominacións de orixe galegas; outro dedicarase ás indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas; e outro para as Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. O resto dos consellos reguladores estarán agrupados segundo os tipo de produtos aos que amparen. Nos espazos Taller e Ágora desta feira, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria patrocinará diferentes actividades nas que se empregarán produtos con selos de calidade ou tamén se dará a coñecer a iniciativa Come Local, que se está a desenvolver en centros educativos co obxectivo de poñer en valor o produto de proximidade con selo diferenciado nos seus comedores, como parte do Pacto Verde Europeo e a estratexia “Da Granxa á mesa” da Unión Europea.

Sabor a mar

O mellor sabor do peixe e mariscos de Galicia tamén estará presente a través do espazo expositivo da Consellería do Mar, que contará cunha aula para a realización de catas, co obxectivo de seguir promocionando a calidade dos produtos pesqueiros e o bo facer dos profesionais coa presencia de nove empresas galegas do sector: A Conserveira, Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín, Mareterra Conservas, Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Barallobre, Porto-Muíños, Ternura, Lume Alimentación e a Fundación Semana Verde de Galicia.

Presenza de Galicia Calidade

Galicia Calidade estará presente un ano máis cun espazo de más de 90 metros cadrados onde realizará diversas degustacións, catas e presentacións dos produtos certificados pola marca de garantía, e onde estarán tamén presentes seis empresas certificadas: Cooperativa Vitivinícola do Barco de Valdeorras e Rectoral de Amandi, no sector do viño; Quescrem e Feiraco no sector lácteo; Jamones González, do sector cárnico; e Confitería Cerviño, do sector da pastelería-panadería.

Ao longo dos tres días estas empresas mostrarán aos visitantes  a calidade dos seus produtos. Ademais, dentro da feira estarán presentes boa parte das empresas alimentarias que contan co distintivo de certificación Galicia Calidade, cun espazo individual ou dentro dos da Consellería do Medio Rural ou da do Mar.

Fomento da economía social

Pola súa parte, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade levará ao Galicia Fórum Gastronómico un expositor no que dará a coñecer as fórmulas da economía social para o emprendemento e que servirá como escaparate de produtos e servizos que ofrece o cooperativismo na comunidade.

O stand deste departamento autonómico dará cabida un ano máis a oito cooperativas que exporán os seus produtos cárnicos (Tres Fuciños e Verín Biocoop), hortofrutícolas (Milhulloa e Terras da Mariña), lácteos e derivados (Productores del Campo de Capela e Gaia), vitivinícolas (Bodegas Eidosela) ou salsas (A Factoría do Lume). 

Sobre Galicia Fórum Gastronómico

O Galicia Fórum Gastronómico, de carácter bianual, é un evento gastronómico de referencia no norte de España, desde que se celebrou a súa primeira edición no 2008, instalándose nas últimas catro edicións na cidade da Coruña e converténdose nun punto de encontro para o sector alimentario. Na súa última edición, en 2022, congregou 22.000 visitantes e a 200 expositores. O evento contará tamén co apoio de Turismo de Galicia.

 

Data de actualización: 01/04/2024