A Xunta licita por 1 M€ as obras de acondicionamento das vías próximas ao enlace da autovía TUI-A Guarda coa A-55 en Tui

O obxectivo é mellorar as condicións das vías afectadas pola execución da nova conexión da autovía, en funcionamento desde o pasado mes de febreiro grazas a un investimento da Xunta de 26 M€

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a licitación, establecendo como prazo ata o vindeiro 29 de abril para que as empresas poidan presentar ofertas

Intervirase no treito da N-551 que discorre entre as interseccións do antigo enlace da autovía e que pasará a ser de titularidade autonómica, construíndo beirarrúas e reordenando o aparcadoiro

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2024

 A Xunta licitou hoxe por importe de 1.023.591 euros as obras de acondicionamento das vías situadas na contorna do enlace da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e o polígono de Areas, en Tui.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación destes traballos, que teñen como obxectivo realizar adaptacións do viario á nova configuración da circulación tras a execución da conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e o polígono de  Areas, en funcionamento desde o pasado mes de febreiro tras un investimento autonómico de 26 M€.

As empresas interesadas neste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 29 de abril.

En concreto, o contrato licitado hoxe inclúe intervencións nun treito da N-551 que pasa a ser autonómico, na autovía A-55 e en viarios municipais do polígono de Areas e da súa contorna que resultaron afectados pola execución das obras da autovía.

Máis en detalle, as intervención de acondicionamento do treito da estrada N-551 entre as interseccións do antigo enlace, que pasa a ser autonómico como parte da PO-552, incluirán a adaptación da sección transversal, con eliminación do carril central que quedou sen uso, a construción de beirarrúas e a reordenación do aparcadoiro. Nos vaos peonís colocarase pavimento táctil.

Tamén se procederá á reposición do firme existente, á disposición dunha parada de autobús, á execución dunha nova rede de pluviais ou á mellora da rede de iluminación.

No caso das actuacións na A-55 estas centraranse na renovación do firme e na instalación de pantallas acústicas adicionais.

Prevense, ademais, outros remates como o acondicionamento das glorietas do polígono de Areas por onde se desviou o tráfico e melloras en distintos camiños municipais da contorna do polígono.

A previsión da Xunta é adxudicar as obras no mes de xuño e comezar a execución en xullo, cun prazo de execución de 6 meses.

Data de actualización: 01/04/2024