O conselleiro do Medio Rural en funcións participou esta mañá na celebración da 42ª edición deste evento

A Xunta reafirma o seu compromiso co sector vitivinícola galego no marco da XLII Feira do Viño de Quiroga

José González lembrou que a convocatoria deste ano das axudas para reestruturación e reconversión de viñedo, dotada con catro millóns de euros, estará aberta ata o vindeiro día 26 de abril

O titular do Medio Rural en funcións fixo entrega do premio de recoñecemento ao labor de Adegas Algueira, unha das 13 bodegas participantes nesta feira

González celebrou os viños galegos, concretamente os da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, protagonistas desta cita, que se sitúan nun “enclave excepcional” cun microclima moi particular que os define “dentro e fóra das nosas fronteiras”

Explicou que este eido é un dos piares da economía da nosa comunidade e unha prioridade para o Goberno autonómico, ao que apoia a través de planificacións como a Estratexia de dinamización das comarcas vitivinícolas ou con liñas de achegas

Puxo en valor que a Xunta destinou, no período 2018-2023, máis de 40 M€ en axudas para reestruturación de viñedo, promoción do viño en mercados de terceiros países (fóra de UE) e para apoiar a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas

Quiroga (Lugo), 31 de marzo de 2024

O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, participou esta mañá na XLII Feira do Viño de Quiroga, que se está a celebrar esta fin de semana neste concello lucense. Neste acto, no que o conselleiro estivo acompañado polo alcalde do municipio, José Luis Rivera, fixo entrega dun galardón de recoñecemento ao labor de Adegas Algueira, unha das 13 bodegas participantes. Alí, agradeceu ser convidado ao evento, consolidado como unha das citas de referencia na exaltación do viño da nosa comunidade.

No marco desta feira, José González puxo en valor as diferentes liñas de axudas destinadas polo seu departamento á ordenación, o fomento e a promoción dos viños galegos. Así, fixo referencia, en concreto, ás achegas para a reestruturación e reconversión de viñedo, que teñen como finalidade incrementar a competitividade das explotacións vitícolas, adaptar o cultivo do viñedo ao cambio climático e avanzar na súa sustentabilidade. Tal e como lembrou José González, a convocatoria destas achegas para este 2024, dotada con catro millóns de euros, publicouse o pasado martes no DOG e o prazo para solicitalas estará aberto ata o vindeiro día 26 de abril.

Outras liñas de axudas para o sector do viño

Por outra banda, sinalou que esta liña complementa outras enfocadas a este sector, como as que financian accións de promoción en terceiros países e as destinadas a apoiar a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas. Cabe sinalar que o Goberno autonómico destinou, no período 2018-2023, máis de 40 millóns de euros para estas tres liñas de axuda, que só na última convocatoria tiveron en conxunto preto de 230 beneficiarios, sumando tanto viticultores como adegueiros e outras entidades vinculadas ao sector.

Nesta liña, o conselleiro especificou tamén que, dentro da aposta pola calidade diferenciada das producións primarias, veñen de convocarse dúas partidas específicas dotadas con 600.000 euros para apoiar o labor de control da calidade desenvolvido polos consellos reguladores e para fomentar que os produtores se integren en réximes de calidade. Os consellos reguladores terán de prazo ata o 29 de abril para presentar as súas solicitudes, mentres que os produtores interesados en adherirse a un réxime de calidade poderán solicitar as achegas ata o vindeiro 27 de maio.

Seguindo esta liña, reafirmou o compromiso do Executivo galego co fomento da calidade e a promoción dos produtos agroalimentarios, lembrando os 9,5 millóns de euros de orzamento cos que conta o Plan de promoción dos produtos galegos de calidade diferenciada.

Calidade dos viños galegos

No acto de hoxe, o titular do Medio Rural en funcións puxo tamén de relevo a calidade dos viños galegos, concretamente os da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, protagonistas desta feira. Salientou a súa situación “nun enclave excepcional”, caracterizada por un microclima moi particular que os define “dentro e fóra das nosas fronteiras”.

Neste sentido, explicou que o sector vitivinícola é un dos piares da economía da nosa comunidade e, por extensión, unha prioridade para o Goberno autonómico. José González fixo referencia ao apoio e ao compromiso da Xunta con este eido, materializado en planificacións como a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas. Referiuse a ela como “unha folla de ruta” elaborada para potenciar ao máximo a inmensa riqueza que representa o viño para a nosa comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/03/2024