O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe en Pontevedra unha vivenda na que convive xente moza que participa nesta iniciativa

A Xunta destaca o papel do programa Mentor na formación e emancipación de adolescentes tutelados

O obxectivo é facilitar a mozos que están no sistema de protección as ferramentas que necesitan para que poidan desenvolverse tanto persoal como profesionalmente

Pontevedra, 27 de marzo de 2024

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, puxo hoxe en valor a importancia que ten o programa Mentor para axudar na transición á vida adulta de xente moza tutelada pola Administración autonómica. Fíxoo durante unha visita unha das vivendas que a Xunta destina a adolescentes que se benefician desta iniciativa de inserción sociolaboral, na que participan cada ano case 700 mozos das catro provincias galegas.

 

O director xeral explicou que o obxectivo do programa Mentor é facilitar o mellor escenario posible para que os menores que están no sistema de protección poidan desenvolverse tanto persoal como profesionalmente, facilitándolles as ferramentas que necesitan para a súa formación e emancipación unha vez que superan a maioría de idade.

 

En concreto, a través do Mentor ofrécese axuda, asesoramento e seguimento profesional a mozos de entre 16 e 21 anos que están baixo a responsabilidade da Xunta, un apoio que se pode estender ata os 25 anos nalgúns casos. Para levalo a cabo o Goberno galego ten a colaboración de entidades como Igaxes, que contan coa experiencia e os equipos de profesionais axeitados para o correcto funcionamento deste programa.

 

Galicia pioneira

O programa Mentor comezou a desenvolverse en Galicia hai máis de dúas décadas, converténdose nunha das primeiras en ofrecer aos menores tutelados esta proposta. Unha medida que foi imitada por outras comunidades autónomas e que mereceu o recoñecemento da Unión Europea en múltiples ocasións como exemplo de boas prácticas.

 

Ademais, no ano 2022 a Xunta impulsou o programa Mentor Rural para promover a empregabilidade destes mozos en concellos distintos ás principais áreas urbanas de Galicia, onde tradicionalmente se viña desenvolvendo o programa Mentor. Este é un proxecto piloto que se implantou nas provincias de Lugo e Ourense para promover a revitalización destas zonas xeográficas e a igualdade de oportunidades.

Data de actualización: 27/03/2024