O persoal das bibliotecas públicas galegas formaranse en novas tecnoloxías como Chatgpt a través dos cursos da Xunta

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades organiza sete formacións para os meses de abril, maio, xuño, setembro, outubro e novembro dirixidos ao persoal en activo da Rede de Bibliotecas de Galicia

Os participantes formaranse en aplicacións móbiles, datos e conservación, entre outras materias

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2024

 A Xunta de Galicia xa ten todo organizado para o desenvolvemento de seis formacións en liña destinadas ao persoal en activo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, así como para os traballadores das bibliotecas de arquivos e museos de xestión autonómica. A través destes cursos, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades busca impulsar o aprendizaxe continuado do persoal bibliotecario e afondar en novas tecnoloxías, como o ChatGPT, e as súas posibilidades no traballo diario destas entidades.

Cun investimento de 11.744 euros, desenvolveranse cursos sobre impacto bibliotecario, aplicacións móbiles e tecnolóxicas, novos espazos, desinformación e datos. Realizaranse durante os meses de abril, maio, xuño, setembro, outubro e novembro con duración de entre 30 e 40 horas e un total de 155 prazas.

Entre as novidades destaca o proxecto de ChatGPT nas bibliotecas, sobre as súas aplicacións e estratexias de uso. Os obxectivos desta formación, que se desenvolverá do 27 de maio ao 28 de xuño, cunha duración de 40 horas, son entender a fondo esta ferramenta, desenvolver habilidades en Intelixencia Artificial, mellorar a experiencia do usuario na biblioteca, facilitar a creación e manexo de contido dixital, fomentar a educación e alfabetización informacional, así como innovar en servizos bibliotecarios e integrar ChatGPT nas necesidades locais de cada espazo.

Este ano, a Consellería de Cultura tamén lanza outras citas formativas novas como o curso de aplicacións móbiles para a biblioteca en abril, co que se pretender reflexionar sobre a importancia da medición e da avaliación de todos os eidos dos servizos bibliotecarios. Outra das novidades é o programa sobre a desinformación nas entidades bibliotecarias, fixado para o mes de outubro. Con este evento, o Goberno galego quere achegar ferramentas ao persoal das bibliotecas para combater a desinformación e, así, configurar un proxecto propio contra esta.

Así mesmo, a formación para sacarlle partido aos datos das bibliotecas, que nas anteriores edicións se realizou de maneira presencial, desenvolverase en outubro e novembro e aportará aos participantes coñecementos sobre os conceptos básicos da colección, facilitará o desenvolvemento de tarefas cotiás e mostrará as vantaxes de contar con información para avaliar as prestacións do servizo. 

Como outros anos, a Xunta de Galicia mantén o desenvolvemento de programas moi ben acollidos polos participantes. É o caso do curso de aplicacións móbiles para a biblioteca, que se celebrará en maio. Nel os participantes aprenderán a usar as aplicacións máis demandadas entre traballadores e usuarios. Mentres, en setembro celebrarase a formación sobre os novos recunchos da biblioteca: lectura, tecnoloxía e arte, coa que se quere abordar a nova concepción espacial das bibliotecas e ofrecer propostas novidosas, aproveitando os novos recursos tecnolóxicos ao fomento da lectura.

Materiais bibliográficos

Ademais, no segundo semestre deste ano tamén se desenvolverá un novo curso de conservación preventiva sobre materiais bibliográficos. Aínda que non están pechadas as datas de realización, o seu obxectivo é conseguir os coñecementos para evitar ou minimizar a deterioración dos bens bibliográficos, tomando como referencia os fondos da Biblioteca de Galicia.

Este itinerario, cun proceso complexo debido a que non existen fondos idénticos con solucións prefixadas, ten como obxectivo que o persoal teña uns coñecementos básicos aplicables dese un punto de vista práctico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2024