Máis de 60 obradoiros celebran os Días Europeos da Artesanía achegando os seus oficios á sociedade

A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, coordina o programa na Comunidade e colabora con diferentes actividades nas catro provincias, entre as que se inclúen demostracións en vivo, visitas guiadas, talleres e xornadas de portas abertas

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023

Galicia súmase aos Días Europeos da Artesanía, que se celebran do 2 ao 7 de abril, a través de actividades de divulgación dos oficios artesanais impulsados por máis de 60 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia e outras entidades asociativas e centros de divulgación da artesanía. A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, é a encargada de coordinar o programa de actividades na Comunidade, no que se inclúen demostracións en vivo, visitas guiadas, talleres e xornadas de portas abertas para todos os públicos.

Ademais, a Fundación Artesanía de Galicia colabora con diferentes iniciativas na Coruña, Vigo, Ourense, Santiago de Compostela, Ponteceso, Muros, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Catoira, Cuntis, Mondoñedo, Niñodaguia e Xinzo de Limia.

Actividades nas catro provincias

Na provincia da Coruña, a Fundación Artesanía de Galicia colabora con cinco iniciativas de divulgación de oficios. En Santiago de Compostela, Creativas Galegas realizará diferentes talleres entre o 2 e o 7 de abril de iniciación ao coiro, ao bordado e ao esmaltado en xoiería, ademais dos seus habituais Escaparates viventes nos que se farán demostracións de oficios como a xoiería, o téxtil, a marroquinería, a calceta e o manipulado de papel. Nesta actividade participan os obradoiros artesanais Dona Formiguinha, Nobelo a nobelo, La con agarimo, Asuntos imaxinarios, Soledad Mato, DRositas, Boro e Mocao Artesanía. Tamén na capital galega, diferentes obradoiros da Rúa de San Pedro abrirán as portas dos seus espazos creativos. Serán El Taller de Fer, Brigantia Orfebres e Noga Arts (2 de abril). Serán os días 5 e 6 de abril de 10:00 a 14:30 e de 16:00 a 20:30h e o domingo 7 en horario de 10:00 a 14:30 horas.

Na Coruña, apóiase a iniciativa Oficios en acción, impulsada pola Asociación Galega de Artesáns o sábado 6 de abril no Centro Ágora. Ofreceranse demostracións de oficios como a xoiería ou a talla en vidro a cargo de A Feitura e Corman, e talleres con inscrición previa en actividades coma o tecido, a xoiería, a impresión téxtil, a bixutería, o manipulado de papel, a marroquinería, a elaboración de complementos, a cerámica e a encadernación a cargos dos obradoiros Casperlota, Artesanía Nia, Mioco Diseños, Jatafarta, Lucecús, Víctor Ares, Códice e Coiraxe.

En Ponteceso, tamén o 6 de abril, terá lugar un taller participativo a cargo de Artesanía Silvent na Fundación Eduardo Pondal, no que se amosarán as principais técnicas de remate de xogos e de xoguetes de madeira. Ese mesmo día, Artesanía de Galicia colabora con Artesanía na Aldea, consistente en diferentes obradoiros participativos de cerámica e de manipulado de papel na Pobra do Caramiñal, Muros, Porto do Son e Rianxo impartidos por Raposiñas, Manuel Figueiras, Laura Ventoso e Pedras de papel. 

Na provincia de Lugo, colabórase coa Asociación Profesional Os Muíños de Mondoñedo nun programa de demostracións participativas e coloquios en centros rurais e institutos, que terán lugar entre o 2 e o 7 de abril, a cargo dos obradoiros Esquina Atlántica, Estudio Estampa, Artesanía do Pasatempo, Fernando Vilariño, Ton Arenas e Eiva.

Na provincia de Ourense a Fundación Artesanía de Galicia colabora con tres iniciativas. A Asociación de Artesáns de Ourense organiza do 2 ao 7 de abril diferentes talleres no casco histórico de Ourense a cargo dos artesáns María Aba, Olería do Batán, Arte 3, Luciérnaga Coiro e Mario López. O sábado 6 abril, colabórase coa IV Fornada Tradicional de Niñodaguia nos antigos fornos de pedra, impulsada polo Museo de Alfarería de Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo). E entre os días 2 e 5 de abril colabórase co IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia para achegarlle ao alumnado do centro os oficios da cestería e da olería a cargo dos artesáns Julia de la Cal, Agustín Vazquez Ferreiro e María Jesús Labrador Sequeiros.

Na provincia de Pontevedra a Xunta apoia tres iniciativas de divulgación da artesanía. Os días 6 e 7 de abril, organízanse talleres participativos no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, a cargo dos obradoiros artesanais Como pez en el agua, Peixesapop, Carlos San Claudio e Medialúa. En Catoira, a ceramista Mar Barral participa na iniciativa Artesanía na Aldea cun taller de cerámica para público infantil e en Cuntis, colabórase coa Fundación Terra Termarum Castrolandín que abre as portas do seu taller para amosar o seu traballo entre o 2 e o 6 de abril e para impartir tres obradoiros prácticos de cerámica castrexa para todos os públicos os días 4 e 6 de abril.

Na programación dos Días Europeos da Artesanía están previstas outras actividades de divulgación dos oficios artesanais impulsadas por obradoiros de Artesanía de Galicia e por outros colectivos. O programa completo e toda a información sobre o evento a nivel nacional pódese consultar na páxina web diasdelaartesania.es.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2024