A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, interveu hoxe na inauguración do novo equipamento da terminal agroalimentaria de Terminales Marítimos de Galicia (TMGA)

Lorenzana pon en valor o carácter estratéxico do porto exterior de Punta Langosteira para todo o noroeste

Asegura que é unha terminal de referencia en todo o noroeste para o tráfico de mercadorías que está, tamén, en condicións de converterse nun hub de enerxías renovables

Avoga por seguir na liña de colaboración que manteñen a Xunta e a Autoridade Portuaria da Coruña para seguir atraendo novos investimentos cara á terminal portuaria 

A Coruña, 26 de marzo de 2024

A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, apelou hoxe ao traballo conxunto de todas as administracións para seguir revalidando o carácter estratéxico do porto exterior de Punta Langosteira, tanto como terminal de referencia para o tráfico de mercadorías como hub de enerxías renovables, onde o hidróxeno verde e a eólica mariña teñan un papel significativo.

Lorenzana asistiu esta mañá á inauguración do novo equipamento da terminal agroalimentaria de Terminales Marítimos de Galicia (TMGA), un sistema automático de descarga que lle vai permitir transportar a mercadoría desde os buques directamente ata os almacéns nun circuíto pechado. Esta infraestrutura vaille proporcionar un retorno considerable en termos de eficiencia e competitividade, ao tempo que tamén vai ter un impacto positivo nos rexistros de actividade que acada esta terminal portuaria, a primeira dársena de Galicia en volume de mercadorías, apuntou a conselleira.

Con estas novas instalacións, dixo, “estamos reforzando o porto exterior e estamos reforzando a industria de Galicia”, polo que avogou por seguir na liña de colaboración que manteñen a Xunta e a Autoridade Portuaria da Coruña para seguir atraendo novos investimentos cara á terminal portuaria. Ao respecto, puxo á disposición do tecido empresarial o asesoramento da Oficina Económica de Galicia e remarcou o compromiso do Goberno galego coa desburocratización e cos proxectos de economía verde que revertan os seus beneficios no territorio, a través da sociedade Recursos de Galicia. “Os nosos recursos son a enerxía eólica, a eólica offshore, pero son máis: os recursos mineiros, os agrogandeiros,... temos que aproveitar un potencial que, sen dúbida, nos distingue doutros territorios en España e en Europa”, esgrimiu.

Por outra banda, tamén puxo de manifesto o potencial do porto exterior para converterse nun referente da transición enerxética. Nesta liña, lembrou que a Xunta de Galicia conta cunha plataforma experimental autorizada a uns 500 metros de Punta Langosteira para o ensaio de enerxías maremotriz e undimotriz. Non obstante, tamén indicou que a Xunta segue pendente do Goberno para poder tramitar unha segunda zona experimental dedicada á eólica mariña, tamén nesta contorna, pero 10 km mar adentro, e nunha zona xa apta para esta fonte de enerxía que tantos retos tecnolóxicos aínda ten por diante, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/03/2024