A Xunta adxudica por máis de 3,1 M€ as obras que completarán a mellora integral da estrada PO-235 ao paso polo concello da Lama

Trátase da execución da 3ª fase de acondicionamento desta vía autonómica ao longo de case 7 quilómetros, desde a parroquia de Seixido ata A Portela da Cruz, no límite coa provincia de Ourense, mellorando a circulación e facilitando os desprazamentos

Ampliarase a calzada ata os 7 metros de ancho e mellorarase o seu trazado en diversas curvas

O contrato asinarase nos vindeiros días e a previsión é poder iniciar as obras a finais de abril, cun prazo de execución de 12 meses

A intervención culmina as actuacións de acondicionamento integral da vía ao longo dos seus 25 quilómetros, grazas a un investimento autonómico de 7,6 M€

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2024

A Xunta adxudicou por 3.116.543 euros as obras que completarán a mellora integral da estrada PO-235 no concello da Lama.

Trátase da execución das obras da 3ª fase de acondicionamento desta estrada autonómica ao longo de case 7 quilómetros, entre a parroquia de Seixido e ata A Portela da Cruz, xa no límite coa provincia de Ourense.

O contrato, adxudicado á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos S.L.U., asinarase nos vindeiros días e as obras iniciarase, previsiblemente, a finais de abril, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan. Os traballos contan cun prazo de execución de 12 meses.

Esta actuación na PO-235 ten como obxectivo mellorar as condicións de circulación, facilitando desprazamentos máis cómodos e seguros.

Para iso, baixo o contrato adxudicado actuarase no treito de 7 quilómetros da PO-235, comprendido entre o quilómetro 18+100, á altura da parroquia de Seixido, e ata A Portela da Cruz, no quilómetro 25 da estrada.

Os traballos consistirán na ampliación da plataforma ata acadar os 7 metros de ancho. Isto significa que a vía disporá de 2 carrís cun ancho de 3 metros e beiravías de 0,5 metros en cada marxe, ademais de cuneta transitable de 1,50 metros. Agora mesmo a estrada nese treito ten estreitamentos que dificultan o cruce de vehículos, cun ancho máximo de 5,60 metros, un problema que quedará solucionado con esta intervención.

Tamén se mellorará o trazado en distintas curvas ao longo do tramo no que se vai actuar. Actualmente a estrada é sinuosa, con curvas de radio reducido e incluso con curvas consecutivas ao longo de 1 quilómetro. A este respecto, e co obxectivo de facilitar a circulación e diminuír o risco de sinistralidade, procederase á rectificación daquelas de menor radio.

A intervención tamén incluirá a renovación do firme da estrada e a capa de rodaxe, así como a adaptación da drenaxe transversal da plataforma con tres puntos principais de evacuación.

Ademais, procederase ao revestimento de cunetas e á renovación do tendido, sinalización vertical e horizontal, balizamento e defensas. 

A Xunta segue traballando e investindo para ofrecer aos veciños da Lama maior seguridade e comodidade nos seus desprazamentos, culminado con esta nova actuación na estrada autonómica PO-235 o acondicionamento integral da vía ao longo dos seus 25 quilómetros, grazas a un investimento da Xunta de 7,6 M€.

Documentos relacionados

Data de actualización: 25/03/2024