A Xunta conclúe a 1ª fase de mellora da seguridade viaria e da mobilidade na estrada OU-402 na Arnoia tras un investimento de case 900.000 euros

Actuouse nun treito de 1,5 km da vía para dotalo de beirarrúas, de beiravías e de zona para peóns, permitindo desprazamentos máis cómodos e seguros a todos os usuarios

Mellorouse o trazado e ampliouse este tramo da estrada OU-402 ata os 7 metros de ancho onde foi factible, rectificando tamén as curvas de radio reducido

Habilitouse un espazo peonil, construíndo beiravías ao longo de algo máis de 1 km pola marxe esquerda da vía e cuneta transitable ao longo de medio quilómetro

Tamén se mellorou a senda entre o acceso ao balneario e o núcleo da Arnoia

Actuouse na intersección da OU-402 coa vía provincial OU-0305 executando un carril central de espera e un cambio de sentido para maior visibilidade e seguridade

O director da Axencia Galega de Infraestruturas avanza a redacción do proxecto de pasarela peonil na mesma OU-402, á altura do quilómetro 31+780

O obxectivo desta nova intervención é darlle continuidade ao itinerario peonil existente na marxe esquerda

A Arnoia (Ourense), 25 de marzo de 2024

A Xunta vén de concluír a 1ª fase de mellora da seguridade viaria e da mobilidade na estrada OU-402, no concello da Arnoia, tras un investimento de case 900.000 euros.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, xunto co alcalde, Rodrigo Aparicio, e a xefa territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade en Ourense, Pilar Fernández, supervisou hoxe o resultado das actuacións de mellora do trazado e acondicionamento desta vía autonómica, entre a intersección coa vía provincial de acceso a Ribadavia e a entrada ao núcleo urbano da Arnoia.

Francisco Menéndez explicou que se actuou nun treito de preto de 1,5 km desta vía autonómica, para dotalo de beirarrúas, de beiravías e de zona para peóns, favorecendo desprazamentos máis cómodos e seguros a todos os usuarios.

As obras incluíron a mellora do trazado da vía, ampliando, onde foi factible, a estrada ata os 7 metros de ancho. Tamén se rectificaron as curvas de radio reducido.

Máis concretamente, a intervención permitiu habilitar un espazo peonil para favorecer os desprazamentos a pé dos veciños de xeito seguro, coa construción de beiravías ao longo de algo máis de 1 km, pola marxe esquerda da estrada e de 2 metros de ancho. Tamén se executou cuneta transitable ao longo de medio quilómetro. Ademais, mellorouse a senda existente entre o acceso ao balneario e o núcleo da Arnoia e contorna.

No marco desta intervención actuouse, tamén, na intersección da OU-402 coa vía provincial OU-0305 no quilómetro 30+700. Neste punto, tal e como salientou o director da Axencia Galega de Infraestruturas, habilitouse un carril central de espera e un cambio de sentido, mellorándose a visibilidade e propiciando unha maior seguridade nos xiros.

Tendo en conta que se actuou na entrada ao núcleo urbano da Arnoia, na intervención aproveitouse para adecuar o trazado á normativa vixente, incidindo sobre a mellora da visibilidade na circulación. Neses 600 metros de estrada de entrada ao núcleo, debido á dificultade de ampliar a vía sen afectar ás edificacións existentes, conservouse o ancho actual dos carrís, 3 metros, actuando na gabia da marxe esquerda para convertela en gabia transitable.

A intervención completouse con traballos de reforzo do firme, a mellora da drenaxe transversal, sinalización e instalación de barreiras de seguridade.

Atendendo á petición do Concello, a Xunta vén de encargar a redacción do proxecto de pasarela peonil no punto quilométrico 31+780 da mesma OU-402.

O obxectivo é darlle continuidade ao itinerario peonil existente na marxe esquerda da estrada, antes da entrada no núcleo da Arnoia. Para isto é necesaria a execución dunha pasarela peonil para conectar os dous treitos da senda existentes, e permitir o cruce en condicións de seguridade en paralelo ao pontón existente. Esta nova intervención require da autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

O Goberno galego segue a traballar no impulso de actuacións que favorecen unha Galicia mellor conectada e máis vertebrada, mellorando as comunicacións entre os municipios pequenos e do interior da comunidade.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2024