Rivo pon en valor as persoas e entidades galardoadas cos Premios Mulleres Femupo 2024 polo seu labor a prol da igualdade na provincia de Pontevedra

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, participou no acto de entrega dos catro galardóns que concedeu a Federación pola igualdade das mulleres da provincia de Pontevedra polo seu labor en distintos ámbitos

Recordou o convenio asinado esta mesma semana con Femupo para seguir desenvolvendo accións de formación e apoio encamiñadas ao recoñecemento da experiencia laboral no eido dos coidados de menores de ata 16 anos

Lembrou tamén a colaboración que se renovará para continuar con accións de sensibilización fronte á violencia de xénero e de apoio ás súas vítimas

Pontevedra, 23 de marzo de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, participou hoxe no acto de entrega dos Premios Mulleres Femupo 2024, poñendo en valor o traballo das persoas e entidades galardoadas pola Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo) a prol da equidade en distintos ámbitos.

Así, Rivo sinalou que a necesidade de rachar cos estereotipos e de conseguir que todas e todos teñan as mesmas oportunidades non se limita a un único eido da vida, senón a todos e a cada un deles. Nese senso, tanto os pequenos xestos como premios coma os outorgados hoxe contribúen a poñer a igualdade como imperativo no foco e a remover conciencias, mostrando que o progreso só é posible coa achega do conxunto da sociedade.

Na súa intervención, a representante autonómica tivo palabras de recoñecemento para os galardoados -consultora Forestalis, Club Ciclista Farto, Centro de Información á Muller (CIM) de Marín e o estudo Bonobo- pola súa traxectoria destacada a prol da igualdade entre mulleres e homes no mundo empresarial, deportivo, institucional e cultural, respectivamente. 

Os premios entregados este sábado encaixan perfectamente nos obxectivos de Femupo, que pasan por traballar pola Igualdade, contra a violencia de xénero, pola conciliación e a corresponsabilidade, contra a trata de mulleres e con calquera asociación disposta a defender os dereitos das mulleres.

Colaboración con Femupo

Cómpre destacar que esta mesma semana vén de renovarse por terceiro ano consecutivo o convenio da Xunta de Galicia coa Federación pola igualdade das mulleres da provincia de Pontevedra para avanzar na conciliación e a corresponsabilidade e na creación de emprego de calidade.

Xunto coas federacións representativas nas outras tres provincias galegas, e cun investimento global de 400.000 euros desde o Goberno galego, desenvolveranse actuacións que permitirán a unhas 2.000 mulleres rurais de toda a Comunidade acreditar a súa experiencia laboral no coidado de menores de ata 16 anos.

Así mesmo, este ano renovarase por quinta vez o convenio de colaboración con Femupo para o desenvolvemento de accións de sensibilización fronte á violencia de xénero e de apoio ás súas vítimas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/03/2024