A Xunta impulsa a mellora na accesibilidade á biblioteca de Poio cunha achega de 40.000€

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou as instalacións para coñecer o resultado das accións executadas no marco da Orde de infraestruturas de uso público

Instalouse un ascensor con acceso directo ao exterior do edificio e modificáronse os aseos do primeiro andar

Poio (Pontevedra), 22 de marzo de 2024

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe o concello de Poio para coñecer as melloras de accesibilidade realizadas na biblioteca municipal coa colaboración da Xunta. As obras contaron cunha achega autonómica que ascendeu a 40.000 euros no marco da Orde de infraestruturas de uso público.

A través desta iniciativa instalouse un ascensor para comunicar as dúas plantas do edificio mediante a construción dun volume engadido ao edificio orixinal. Deste xeito, o elevador ten acceso directo á parcela exterior, comunicada coa vía pública a través dunha rampla. Ademais modificáronse os aseos do primeiro andar para garantir tamén a súa accesibilidade a persoas con discapacidade.

A directora xeral destacou a importancia de apoiar os concellos na mellora das infraestruturas municipais, co obxectivo de garantirlle á veciñanza instalacións accesibles, eficientes e confortables, así como a prestación dos servizos nas mellores condicións para as persoas traballadoras e usuarias. Neste marco de acción, Natalia Prieto sinalou que a Xunta inviste un ano máis 3,5 millóns de euros a través da Orde de infraestruturas de uso público, unha liña de axudas que beneficiou o pasado ano máis dun cento de administracións locais en toda Galicia, 17 delas na provincia de Pontevedra.

A esta medida súmanselle ademais o Fondo de Compensación Ambiental, que conta con máis de 11 millóns de euros de orzamento, e o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, con 5 millóns de euros. Como novidade este ano, os concellos dispoñen tamén dunha orde plurianual destinada a obras de mellora enerxética, cun orzamento de 5,3 millóns de euros cofinanciados con Fondos Feder para o período 2024-2025.

A través do conxunto de liñas convocadas en 2023 investíronse 27,2 millóns de euros no impulso a máis de 600 proxectos municipais. A directora xeral enmarcou estes apoios no compromiso do Goberno galego co eido local e, especialmente, coa veciñanza dos concellos de menor poboación para garantir recursos públicos de calidade en todo o territorio.

Investimento de 300.500 euros 

No que respecto ao concello de Poio, a colaboración da Xunta no impulso aos seus proxectos municipais no marco destas medidas sumou nos últimos anos 300.500 euros, con iniciativas como a adquisición de vehículos eficientes para servizos municipais ou melloras no abastecemento. A maiores, só en 2023 este concello recibiu medio millón de euros do fondo base de Fondo de Cooperación Local.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/03/2024