Aberto ata o 29 de marzo o prazo de inscrición para que persoas desempregadas participen en Santiago de Compostela nun programa de activación laboral

A Xunta colabora coa Fundación Santa María La Real na posta en marcha dun proxecto para mellorar as oportunidades de emprego de 200 persoas vulnerables en Galicia

A iniciativa ‘Hubs de activación para o emprego’ desenvolverase no Centro Integrado de Formación Profesional de Santiago

Entre as destinatarias da iniciativa figuran mulleres vítimas da violencia de xénero, parados de longa duración, con baixa cualificación ou integrantes de fogares monoparentais ou con todos os seus membros sen emprego

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2024

O prazo de inscrición para participar na nova lanzadeira Emprego Activa que a Xunta de Galicia activará en Santiago de Compostela para persoas desocupadas está aberto ata o próximo 29 de marzo na web: https://hubsempleabilidad.com/inscribete/.

A iniciativa, dirixida a persoas desocupadas de entre 18 e 60 anos, forma parte do  proxecto Hubs de activación para o emprego, no que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Fundación Iberdrola colaboran coa Fundación Santa María la Real.

Poden participar na lanzadeira persoas con dificultades de acceso ao mercado de traballo e en risco de exclusión e en situación de especial vulnerabilidade. Neste colectivo inclúense parados de longa duración, persoas con baixa cualificación, inmigrantes, mulleres vítimas de violencia de xénero, con discapacidade, integrantes de fogares con todos os seus membros en desemprego ou de familias monoparentais.

No caso compostelán, o programa, totalmente gratuíto, terá a súa sede no centro no Centro Integrado de Formación Profesional Santiago de Compostela, onde se desenvolverán as primeiras actuacións o próximo abril.

Este proxecto oriéntase a que os beneficiarios actualicen e enfoquen a súa procura de traballo. Desenvolverase en formato híbrido, con sesións presenciais e en liña en horario de mañá, ao longo de cinco meses e medio.

Os participantes terán ocasión de reforzar as súas competencias dixitais para buscar emprego de forma efectiva e adaptarse aos postos emerxentes.

Hubs de activación para o emprego finánciase con fondos europeos. Busca a activación profesional das persoas desempregadas vulnerables, as que presentan maiores dificultades para acceder ao mercado laboral.

No caso galego, o Hub acollerá no próximos cinco anos diferentes edicións da Lanzadeira de Emprego Activa e a actividade Despega, orientada a favorecer a súa inserción no mercado laboral e a súa inclusión social.

Cos hubs a Administración autonómica trata de impulsar o empoderamento colectivo e individual, ofrecendo acompañamento ao emprego, activación e formación de carácter presencial ou dixital ás persoas que máis o necesitan. 

Con esta iniciativa a Xunta aspira poder axudar a máis de 200 persoas en toda Galicia e celebrar un cento de sesións de traballo con expertos en emprego verde sustentable, mercado e tendencias laborais.

Data de actualización: 21/03/2024