O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a directora de Seaga, Luisa Piñeiro, supervisou estas tarefas enmarcadas na Estratexia de estradas verdes, cun orzamento de máis de 1,5 M€

A Xunta acada as 1.200 árbores autóctonas plantadas na reforestación das marxes da autovía e do corredor do Morrazo

Francisco Menéndez explica que xa se actuou nunha superficie de 6 hectáreas de dominio público viario, plantando abeleiras, bidueiros, freixos, pradairos ou carballos

Os traballos, que se desenvolven baixo encomenda á empresa pública Seaga, dependente da Consellería do Medio Rural, prevén a plantación de entre 25.000 e 35.000 árbores nas marxes da autovía e das vías de altas prestacións do Morrazo

As tarefas comezaron en febreiro na VG-4.5 de acceso a Cangas desde a autovía, no enlace de Ameixoada, e continuaron no enlace de Domaio, no falso túnel de Coiro ou na saída de Meira, prevendo seguir nas vindeiras semanas na saída de Marín-Moaña

Nos meses de primavera e verán os traballos centraranse na preparación da superficie para volver efectuar plantacións cando as condicións climatolóxicas sexan as idóneas

Os obxectivos desta iniciativa son a protección fronte aos incendios, aumentar a eficiencia dos traballos de conservación e avanzar cara á neutralidade en carbono nas estradas

Estes traballos súmanse, ademais, aos de roza e limpeza para loita contra os lumes que se levan executado dende 2022 no Morrazo, cun investimento adicional de 1,27 M€

Moaña (Pontevedra), 21 de marzo de 2024

A Xunta acada as 1.200 árbores autóctonas plantadas nos traballos de reforestación  das marxes da autovía e do corredor do Morrazo.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a directora de Seaga, Luisa Piñeiro, supervisou esta mañá estas tarefas.

Trátase das primeiras actuacións enmarcadas na Estratexia de estradas verdes do Goberno galego, dotada dun orzamento autonómico de máis de 1,5M€ e que prevé a plantación de entre 25.000 e 35.000 árbores nas marxes da autovía e das vías de altas prestacións do Morrazo.

Francisco Menéndez explicou que xa se actuou nunha superficie total de 6 hectáreas de dominio público viario, plantando máis de 1.200 árbores autóctonas, como abeleiras, bidueiros, freixos, pradairos ou carballos.

Os traballos, que se desenvolven baixo encomenda á empresa pública Seaga, dependente da Consellería do Medio Rural, comezaron o 1 de febreiro na VG-4.5 de acceso a Cangas desde a autovía, no enlace de Ameixoada, onde, tras a eliminación das especies pirófitas e invasoras e a preparación do terreo, se dispuxeron frondosas.

As intervencións continuaron nos noiros da VG-4.5, en dirección cara á autovía do Morrazo, no enlace de Domaio, no falso túnel de Coiro ou na saída de Meira, prevendo seguir nas vindeiras semanas na saída de Marín-Moaña.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas avanzou que nos próximos meses da primavera e do verán, cando as temperaturas aumentarán e o clima non será o axeitado para a plantación de especies, os traballos se centrarán na preparación da superficie para volver efectuar tarefas de plantación cando as condicións sexan as idóneas.

Concretou que na primavera e no verán as actuacións consistirán na eliminación de especies pirófitas e invasoras, na roza, na hidrosemente para conseguir unha cuberta vexetal axeitada e na execución de buratos que albergarán ás novas frondosas.

Estas tarefas completaranse con traballos de mantemento e consolidación nos primeiros anos, que inclúen rozas, eliminación de rebrotes ou reposición de plantas.

O remate dos traballos permitirá a absorción, ao final dun período de permanencia estimado de 35 anos, de 5.616 toneladas de CO₂.

Ademais, estas actuacións contribuirán á protección fronte aos incendios, a gañar en eficiencia na conservación nas marxes das vías de titularidade autonómica e a avanzar cara á neutralidade en carbono nas estradas.

Ata o de agora, a Xunta ten mobilizado preto de 563.000 € neste tipo de traballos nas vías de altas prestacións da comarca do Morrazo, prevendo investir case 370.000€ máis no que resta de ano no marco da Estratexia de estradas verdes da Xunta.

O Goberno galego, a través dunha encomenda a Seaga, vén realizando tamén tarefas de roza e limpeza para loita contra os lumes nas marxes das estradas autonómicas. Estes traballos teñen implicado un investimento adicional tan só para O Morrazo de 1,27 M€ nos anos 2022, 2023 e 2024.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/03/2024