A Xunta culmina a humanización da travesía da estrada OU-154 no Reino, en Piñor, que supuxo un investimento global de 460.000 €

Rematáronse os traballos da segunda fase, en dous treitos da OU-154, entre os quilómetros 1+450 e 1+741; e do 2+025 ao 2+235

A intervención, que nesta segunda fase supuxo un investimento de 300.000 €, permitiu actuar ao longo de 500 metros cunha rehabilitación completa do firme

No tramo entre os puntos quilométricos 1+723 e 1+740, coincidente co cruce do Camiño de Santiago, dispúxose unha plataforma sobreelevada, quedando a calzada ao mesmo nivel que a beirarrúa

Tamén se dispuxo rede de alumeado público con luminarias de tecnoloxía led para unha mellora da eficiencia enerxética

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2024

A Xunta culminou as obras de humanización da travesía da estrada OU-154 no Reino, no concello de Piñor, tras un investimento autonómico global de 460.000 €.

A intervención que se vén de rematar correspóndese coa segunda fase dos traballos da humanización desta travesía. Concretamente actuouse en dous treitos da OU-154 que suman 500 metros de lonxitude: entre os puntos quilométricos 1+450 e 1+741; e do 2+025 ao 2+235, ao paso polo núcleo do Reino.

As obras acometidas supuxeron un investimento de preto de 300.000 euros. Centráronse na humanización destes treitos da estrada, incluíndo o soterramento das redes aéreas de electricidade, iluminación pública e telecomunicacións.

Os traballos desta segunda fase incluíron as demolicións da beirarrúa e de parte da calzada, que se repuxo mellorando a accesibilidade e a sección do firme. Tamén se realizou unha rehabilitación superficial completa do  firme da calzada.

No treito entre os quilómetros 1+686 e 1+723 elevouse a beirarrúa sobre a plataforma da estrada, manténdose no mesmo nivel no resto desa zona.

Ademais, entre os puntos quilométricos 1+723 e 1+740, coincidindo co cruce do Camiño de Santiago, dispúxose unha plataforma sobreelevada, quedando a calzada ao mesmo nivel que a beirarrúa.

Tamén se dispuxo unha nova rede de alumeado público con luminarias de tecnoloxía led para unha mellora da eficiencia enerxética.

Os traballos completáronse coa reposición da sinalización horizontal e vertical afectada e coa colocación de nova  sinalización.

Esta intervención completa a remodelación xa executada no treito situado entre os quilómetros 1+741 e 2+025 desta estrada. Tratouse dunha primeira fase de actuación co fin de protexer a circulación dos peóns e rehabilitar o firme, que supuxo un investimento autonómico de 160.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/03/2024