A Xunta apoia o XV Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas de Quiroga, que se celebra o 30 de marzo coa presenza de 14 agrupacións

Lugo, 20 de marzo de 2024

A Delegación territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación do XV Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas de Quiroga, que se celebrará o 30 de marzo no marco da Feira do Viño. Este ano estarán presentes catorce bandas, 13 galegas e unha de León.

No acto interviñeron a secretaria territorial da Administración autonómica, Marta Barreiro; o alcalde de Quiroga, José Luis Rivera; e o director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, Xosé Lois Foxo.

O desfile de bandas sairá ás 11,30 horas da Casa da Cultura, percorrerá a rúa Real e chegará á praza de España, onde comezará o campionato ás 12,00 horas. Participarán catro agrupacións da provincia de Lugo: San Martiño de Quiroga, Toxo Queimado de Baleira, a banda de Chantada e a do Concello de Monforte. Tamén haberá seis ourensás: Nova Fronteira, Real Xuvenil, Ladies Band e as dos concellos de Riós, O Bolo e Esgos. Completan o programa as ferrolás Agarimo de Catabois e San Pantaleón das Viñas; Insua de Caldelas do municipio pontevedrés de Tui e a banda do Bierzo (León). 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2024