A Xunta pon de relevo as medidas formativas e de responsabilidade social empresarial da Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou esta tarde en Lugo na xornada ‘Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia: emprego en igualdade’ organizada no marco do campus formativo da Xunta de igualdade laboral

Fixo fincapé na inclusión da perspectiva de xénero nas políticas activas emprego ou en todos os niveis do sistema educativo, no concepto de benestar laboral ou na nova Certificación Galega de Excelencia en Igualdade

Lugo, 20 de marzo de 2024

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou esta tarde en Lugo na xornada Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia: emprego en igualdade, organizada no marco do campus formativo da Xunta sobre igualdade laboral co obxecto de dar conta dalgunhas das novidades que inclúe esta norma.

Así, a directora xeral fixo alusión ás actuacións transversais no eido do emprego e das relacións laborais, así como a novos conceptos entre os que se atopa o de benestar laboral. Para logralo, referiuse á necesidade de accións como o fomento da conciliación, da calidade do emprego feminino e das políticas de seguridade e de saúde no traballo con perspectiva de xénero.

Na xornada, abórdase -entre outras- a promoción da igualdade de xénero nas políticas activas de emprego e en todos os niveis do sistema educativo incluída a formación profesional, ademais de medidas especiais en relación con sectores produtivos onde predominan as mulleres e con traballos feminizados non visibilizados nin valorados. Para acadar a igualdade laboral, tamén se trata a promoción da igualdade de xénero na negociación colectiva.

No programa tamén se inclúe a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, un distintivo que recolle a nova Lei para recoñecer as empresas ou entidades do terceiro sector que destaquen na aplicación das políticas de igualdade para a equiparación laboral entre mulleres e homes.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2024