Rivo compromete traballo inxente contra a violencia de xénero na entrega dos IV Premios Valedora do Pobo en materia de igualdade e dereitos das mulleres

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, tivo unha lembranza na súa intervención para Andrea, última vítima da violencia machista, sinalando que o Goberno galego non cesará no seu empeño ata erradicar esta lacra

Recoñecendo as propostas galardoadas polo seu labor, precisamente, para avanzar na loita contra a violencia fronte ás mulleres confiou en que as novas xeracións son claves para incidir na prevención desde idades temperás

A Xunta vén mantendo un traballo conxunto coas tres universidades públicas galegas -colaboradoras coa Valedora do Pobo nestes premios- para desenvolver accións enmarcadas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, participou hoxe no acto de entrega dos IV Premios Valedora do Pobo aos mellores traballos de fin de grao (TFG) e de fin de mestrado (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres. Alí, tivo unha lembranza para Andrea, última vítima da violencia de xénero en Ribeira, e reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia para a erradicación desta lacra, “non só incidindo na atención ás vítimas senón tamén na prevención”.

Nesa liña, Elena Rivo fixo fincapé na importancia da concienciación desde a etapa infantil ata a universitaria -aludindo ás premiadas de hoxe-, contribuíndo á igualdade entre mulleres e homes en todos os ámbitos da vida. Agardando que as novas xeracións sexan claves na loita contra a violencia machista, agradeceu os traballos galardoados relativos precisamente -por unha banda- ao impacto das ordes de protección e do proceso xudicial no benestar psicolóxico das vítimas de xénero e á necesidade de lexislar e de xulgar desde a perspectiva de xénero, especialmente no ámbito do dereito penal e dos delitos sexuais.

A representante autonómica concluíu que “desde o Goberno galego traballaremos arreo para conseguir a cifra de cero vítimas de violencia de xénero”. Nese camiño, cómpre sinalar que a Xunta suma anos de traballo conxunto coas tres universidades públicas galegas -colaboradoras na convocatoria dos premios que hoxe se entregan- para desenvolver accións enmarcadas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Así, da man das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo véñense impulsando non só premios a traballos académicos con perspectiva de xénero, senón tamén accións formativas e de sensibilización, campañas de difusión, obradoiros, charlas ou xornadas.

Para seguir avanzando neste sentido, cómpre recordar que está en vigor unha nova Lei de igualdade que segue a situar a Galicia á vangarda da loita contra as desigualdades en todos as esferas da vida. Así, supón a maior defensa dos dereitos das mulleres e a visibilización da discriminación múltiple, incide na erradicación de actitudes machistas e de discriminacións no eido da cultura e do deporte ou promove espazos urbanos libres de violencia e de acoso sexual.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2024