A Xunta licita as obras de renovación e instalación de iluminación na senda peonil da estrada PO-549, que comunica Vilanova e Vilagarcía de Arousa

Esta intervención, licitada por máis de 260.000 euros, permitirá actuar no itinerario peonil executado nesta vía autonómica en Corón cun investimento de 1,1 M€

Reporase a iluminación da estrada entre os quilómetros 2+600 e 5+230 e entre o 7+800 e 8, retirando os báculos existentes e colocando outros novos na marxe dereita da calzada, cunha separación aproximada de 40 metros

Cada punto de luz estará composto por unha columna de 9 metros de altura cunha luminaria de SETGA ou equivalente de 105 W de potencia

Disporase tamén de iluminación específica e reforzada nos pasos de peóns situados nos puntos quilométricos 3+400, 4+600 e 7+850, con 36 LED de alto rendemento

O obxectivo da Xunta é iniciar as obras en agosto e telas rematadas no primeiro trimestre do 2025

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas para executar estes traballos ata o vindeiro día 15 de abril

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe as obras de renovación e instalación de iluminación na senda da estrada PO-549, ao seu paso por Corón, en Vilanova de Arousa.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a contratación por 262.897 euros desta nova actuación no treito desta vía autonómica que comunica os concellos de Vilanova e de Vilagarcía de Arousa, establecendo como prazo para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 15 de abril.

Trátase dunha nova intervención no tramo da vía autonómica onde se habilitou o itinerario peonil de Corón, que supuxo un investimento da Xunta de 1,1 M€.

A través do contrato licitado hoxe renovarase a instalación de iluminación entre os puntos quilométricos 2+600 e 5+230 e entre os quilómetros 7+800 e 8, coa retirada dos báculos existentes e a colocación doutros novos na marxe dereita da calzada, cunha separación aproximada de 40 metros.

Cada punto de luz proxectado está composto por unha columna de 9 metros de altura, de sección circular, en aceiro ao carbono cun brazo de 1 metro, no que se coloca unha luminaria de SETGA ou equivalente, de 105 W de potencia, con corpo de aluminio extruído.

Disporase tamén de iluminación específica nos pasos de peóns situados nos puntos quilométricos da PO-549: 3+400, 4+600 e 7+850, onde se proxecta a instalación de dous puntos de luz de reforzo para cada un dos pasos de peóns, con puntos de luz formados por columnas de ata 6 metros de altura, de estrutura cilíndrica en aceiro ao carbono, con brazo orientable, nas cales se instalarán luminarias, con 36 LED de alto rendemento.

No marco do contrato inclúese a execución da canalización necesaria para a instalación do cableado e as actuacións complementarias de demolición de cimentacións de báculos existentes.

Tamén se reporá o pavimento na beirarrúa e na senda, así como os bordos que se vexan afectados por esta intervención.

O obxectivo da Xunta é iniciar estas obras no mes de agosto e poder rematalas no primeiro trimestre de 2025.

Cómpre lembrar que a senda habilitada na PO-549, ao seu paso por Corón, financiada con Fondos React-UE, comprende un treito de 3,27 quilómetros, dos que os 500 primeiros metros se corresponden co termo municipal de Vilagarcía de Arousa.

Os traballos realizados consistiron na construción dunha senda peonil nos espazos que carecían de beirarrúas, a reposición das mesmas nos puntos nos que estaban deterioradas, a reordenación das prazas de aparcamento e a adopción de medidas complementarias para o reforzo da seguridade viaria, como a instalación e reubicación de pasos de peóns e de regulación semafórica.

Deste xeito, conformouse un itinerario peonil seguro cunha anchura variable, que oscila entre os 90 centímetros naqueles puntos nos que non existe máis espazo pola presenza de vivendas, ata os 3 metros nos lugares de maior dispoñibilidade, e que ademais está dotado en diversas zonas por unha franxa verde central e por beiravías que tamén varían entre 1 e 2,5 metros de anchura.

Data de actualización: 20/03/2024