A Xunta pon en valor a súa aposta polo emprendemento e pola economía social para a xeración de riqueza e emprego pegados ao territorio

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou en Cambados na xornada ‘Descubrindo o emprendemento en economía social’ organizada no marco da Rede Eusumo 

Destacou a nova Estratexia de economía social deica 2027 e que o orzamento da Xunta neste eido supera en 2024 os 43,6 M€ para avanzar na difusión deste modelo, na creación e consolidación de iniciativas e na promoción do emprego inclusivo

 Tamén se referiu á Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, con 13 centros activos na actualidade e coa previsión de abrir dous máis en breve, un deles en Vilanova de Arousa

Cambados (Pontevedra), 20 de marzo de 2024

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou esta mañá na xornada Descubrindo o emprendemento en economía social organizada no marco da Rede Eusumo. Alí, destacou que a Xunta destina este ano case 700.000 euros a impulsar actividades de divulgación entre o cento de organizacións que conforman esta rede e para apoiar o funcionamento das asociacións representativas desta fórmula económica.

Na súa intervención, Pablo Fernández referiuse á Estratexia galega da economía social horizonte 2027: Economía social para unha Galicia sustentable, coa que se persegue xerar 4.000 empregos, crear 400 novas entidades e posicionar o modelo nos sectores tecnolóxico e dixital, verde, industrial e sustentable. 

Así, apostarase -entre outras cuestións- por atraer ideas e investimentos á economía social galega e por implantar programas para identificar oportunidades de negocio, por crear un campus formativo para a capacitación de axentes intermedios e persoal de xestoría ou pola posta en marcha dunha rede de aceleradoras, a través dos Polos de emprendemento e apoio ao emprego.

Precisamente en relación á Rede de polos, o secretario xeral recordou que hai 13 centros activos na actualidade coa previsión de abrir dous máis en breve, un deles en Vilanova de Arousa. Segundo dixo, están dispostos para atender calquera iniciativa emprendedora que chegue -tamén as de economía social- de principio a fin, en calquera fase en que se atope. 

Para seguir dándolle pulo á economía social, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade reforza neste 2024 o orzamento destinado a este ámbito, que aumenta nun 3% superando os 43,6 millóns de euros. Artellaranse en tres grandes eixes de actuación: a difusión da economía social, a creación e consolidación de iniciativas e a promoción do emprego inclusivo.

Así, no que levamos de ano xa se teñen convocado máis de 36 millóns de euros en axudas para apoiar a creación e consolidación de entidades da economía social e para impulsar desde esta o emprego inclusivo. Activáronse iniciativas de apoio aos Centros especiais de emprego (26 millóns), a empresas de inserción (1,5 millóns) ou para impulsar a transformación verde e dixital a través do Bono Consolida (2,7 millóns). 

Mobilizáronse ademais axudas por 5 millóns para apoiar o emprego en cooperativas e sociedades laborais a través do programa Aprol Economía Social e os case 700.000 euros mencionados para que as entidades que integran a Rede Eusumo desenvolvan accións de divulgación, formación e asesoramento como a celebrada hoxe en Cambados. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2024