O conselleiro do Mar en funcións asiste á nova edición da Feira Alimentaria

Galicia leva o mellor sabor do mar galego a Barcelona co obxectivo de que os produtos pesqueiros galegos cheguen a novos mercados

O titular de Mar destaca a aposta da Xunta por apoiar a presenza das empresas galegas en feiras internacionais como plataformas máis axeitadas para promocionar o bo facer e a calidade que hai detrás dos produtos do mar galegos

A Consellería do Mar participa neste evento co seu propio espazo que ocupa 500m2 de zona expositiva repartidos en tres áreas para as empresas coexpositoras e unha zona para cociña, descanso e centro de negocios

Alfonso Villares reclama ao Goberno central que escoite o “clamor” do sector e acceda a rebaixar o IVE ao peixe, marisco e conservas para incentivar o consumo así como activar un Perte que responda ás necesidades da cadea mar-industria

Pola súa parte, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria destacou a importante presenza dos produtos agroalimentarios da nosa comunidade neste evento e lembrou o Plan de promoción da Xunta, cun orzamento de 9,5 M€ este ano

Barcelona, 19 de marzo de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou hoxe a feira Alimentaria que se está a celebrar na cidade de Barcelona ata o vindeiro 21 de marzo no que están participando 25 empresas do sector pesqueiro galego. O responsable autonómico destacou que Galicia volve a levar o mellor sabor do mar galego a este evento internacional de referencia no ámbito alimentario e sinalou a importancia do apoio do Goberno galego á presenza do sector en feiras internacionais co obxectivo de potenciar a presenza dos produtos galegos en novos mercados. 

O titular de Mar abriu a xornada asinando no Libro de Honra desta feira que reúne en 100.000 m2 a preto de 3.200 empresas da industria alimentaria e hostaleira, un terzo das cales son internacionais procedentes de 60 países con especial presenza de países como Italia, China e Hong Kong. Continuou cunha visita ás empresas expositoras no stand de Galicia rematando cunha degustación dos produtos pesqueiros galegos.

Alfonso Villares puxo en valor a profesionalidade e bo facer que hai detrás do peixe, marisco e conservas galegas así como da excepcional calidade da materia prima pola que gozan dun gran recoñecemento por parte dos consumidores. Tamén sinalou a importancia de aproveitar estas citas para mellorar e diversificar a distribución dos produtos pesqueiros galegos a través da gran distribución así como de HORECA (hoteis, restaurantes e cafeterías) o que permite que cheguen aínda a máis persoas.

O conselleiro explicou que o sector do mar conta cun espazo propio a través da Consellería do Mar cun stand que ocupa 500 m2 de zona expositiva repartidos en tres áreas para as empresas coexpositoras e unha zona para cociña, descanso e centro de negocios. Participan un total de 25 empresas da conserva e da transformación de peixes e mariscos, xunto a asociacións entre as que se atopan Anfaco Cecopesca ou Mexillón de Galicia. 

IVA e Perte 

Alfonso Villares volveu a expresar o seu apoio ás demandas do sector que levan tempo pedindo ao Goberno central que acceda a rebaixar o IVE aos produtos pesqueiros como medida eficaz, xunto as campañas de promoción, para reverter o descenso do consumo de peixe, marisco e conservas dos últimos anos. Nesta liña puxo en valor o traballo realizado pola administración autonómica con campañas como GALICIA SABE AMAR e AMAR GALICIA, que difunden a calidade, propiedades nutricionais e beneficios para a saúde que hai detrás dos alimentos mariños.

O responsable autonómico tamén pediu ao Executivo estatal que escoite o “clamor” da cadea mar-industria que tamén reclama a activación dun Perte coa dotación económica suficiente que permita responder ás necesidades actuais de inversións do sector. Tamén cualificou de insuficientes os 50 millóns de euros anunciados polo ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, moi lonxe dos 400 millóns que pide a industria pesqueira así como dos máis de 1.000 millóns comprometidos co sector agroalimentario.  

Calidade Alimentaria

Pola súa parte, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, tamén presente nesta feira barcelonesa, destacou a importante participación dos produtos agroalimentarios da nosa comunidade nun evento de referencia para a súa promoción nos diferentes mercados. Remarcou, nesta liña, o novo Plan anual de promoción de 2024, dotado cun orzamento de 9,5 millóns de euros, para fortalecer e consolidar o compromiso do Goberno autonómico con este sector. 

José Luis Cabarcos salientou, así mesmo, que a Axencia apoia un total de 20 empresas do eido rural que asisten ao certame en calidade de coexpositoras e que a Consellería do Medio Rural montou un Aula de Experiencias de Calidade na que se realizan actividades destinadas a promocionar estes produtos, tales como catas comentadas, talleres e showcookings en colaboración cos consellos reguladores correspondentes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/03/2024