Galicia e outras rexións e cidades europeas reivindican o seu papel no futuro da UE durante o Cume de Mons

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, estivo entre os representantes electos reunidos

Trátase do maior evento organizado polo Comité Europeo das Rexións, que cumpre tres décadas coincidindo coa xuntanza 

Bruxelas, 19 de marzo de 2024

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na décima edición do Cume Europeo das Rexións e das Cidades, celebrado na cidade valona de Mons onte e hoxe. Concibido para reunir os representantes europeos electos a nivel rexional e local, trátase do maior evento organizado polo Comité Europeo das Rexións (CdR), que celebrou o seu 30º aniversario coincidindo coa xuntanza.  

Durante as dúas xornadas abordáronse algúns dos retos que afrontarán as rexións e cidades europeas durante os próximos anos e a súa visión sobre o futuro de Europa. Dita visión quedou plasmada na Declaración de Mons, na que os representantes reivindicaron ter un papel protagonista de cara á formulación da próxima axenda estratéxica da Unión Europea e das prioridades políticas da vindeira Comisión.

A crise climática, a inversión comunitaria, a innovación dixital, a gobernanza multinivel efectiva e o futuro da política de cohesión foron algúns dos retos da UE sobre os que versaron tanto as sesións plenarias e mesas redondas celebradas durante o Cume Europeo das Rexións e das Cidades como a declaración que lle puxo o broche.

O contido desta última baseouse no ditame sobre o futuro da política de cohesión aprobado polo CdR no seu pleno 158, documento co que se converteu no primeiro órgano europeo en fixar unha posición neste eido para o período a partir de 2027. Precisamente, un dos debates que tiveron lugar no marco do cume foi o protagonizado pola Alianza para a Cohesión sobre o papel da unión para abordar os desafíos que afronta a UE.

Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais europeos, creada hai tres décadas por medio do Tratado de Maastricht, no 1994. Os seus 329 membros asesoran ás institucións da Unión Europea sobre as leis que teñen un impacto sobre as rexións e cidades, un 70% da lexislación comunitaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/03/2024