En marcha a reforma integral do centro de saúde de Crecente cun investimento da Xunta de preto de 100.000 euros

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra e o xerente da área sanitaria de Vigo visitaron os traballos

A obra contempla actuacións nas fachadas, na cuberta e no interior do centro, así como melloras nas instalacións eléctricas e de climatización

Crecente, 19 de marzo de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, acompañados polo alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo fixeron unha visita ao centro de saúde deste concello para comprobar a marcha das obras de reforma integral recentemente iniciadas, unha actuación que afectará a 459 m2 da superficie do edificio e que suporá un investimento de preto de 100.000 euros.  

A obra que xa está iniciada inclúe a reparación das fachadas, incluídos os zócalos e carpinterías, así como a substitución dos cristais danados. Tamén se actuará sobre a cuberta do edificio reparando o seu illamento e impermeabilización e renovando o sistema de evacuación de augas pluviais. Por outra parte, no interior do edificio, repararanse as humidades e os falsos teitos mentres que no ámbito das instalacións revisarase toda a instalación eléctrica con relevo de luminarias e todo o sistema de climatización, con revisión e cambio dos elementos precisos de calefacción.

O goberno galego cumpre así co compromiso adquirido co concello de Crecente, que solicitara esta actuación. A empresa que resultou adxudicataria da obra, Edigrup Global, dispón dun  prazo de execución de dous meses para rematar estes traballos.

Infraestructuras de atención primaria na provincia de Pontevedra

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 135 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 85.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 4 que están actualmente en marcha ou a punto de finalizar (Lalín, Porriño, Moaña e CIS Olimpia Valencia en Vigo). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 15 anos, preto de 160 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria. 

En particular, na provincia de Pontevedra, nos últimos años se puxeron en marcha novos centros de saúde como os de A Parda (Pontevedra), Tenorio (Cerdedo-Cotobade), Vilalonga (Sanxenxo), San Paio de Navia (Vigo), Taboada Leal (Vigo), Panxón (Nigrán), Marín, Oia, Salceda de Caselas, Tui, Gondomar, A Estrada e Bouzas (Vigo), e as reformas de Vilaboa, Illa de Arousa, Tomiño, Crecente, Valga e Pazos de Borbén e os centros vigueses de Lavadores e rúa Cuba.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/03/2024