A Xunta e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia colaboran a prol da accesibilidade nos actos institucionais

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, e o presidente da FAXPG, Iker Sertucha, asinaron hoxe o acordo para dotar de medios de interpretación os eventos que se realicen ao longo deste ano

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2024

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, e o presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), Iker Sertucha, asinaron hoxe o acordo de colaboración para garantir a accesibilidade dos actos institucionais ás persoas xordas e xordocegas. Ao acto tamén asistiu o director xeral de Xustiza, José Tronchoni.

Deste xeito, a FAXPG facilitará os medios persoais necesarios para garantir o acceso do colectivo que representa á información facilitada nos eventos da Xunta. Comprométese ademais a difundir na súa páxina web todos os actos que encaixen neste marco de colaboración, a ofrecer accións formativas de lingua de signos a persoal da Administración autonómica e a dispoñer os medios persoais precisos en beneficio das persoas xordas e xordocegas para a celebración do Día da Discapacidade.

Pola súa banda, o Goberno galego compensará os gastos derivados das actuacións enmarcadas no convenio e a vixencia da colaboración prolóngase ata o remate deste ano.

A través desta iniciativa, a Xunta quere contribuír á eliminación das barreiras de comunicación que lles impiden ás persoas xordas e xordocegas unha participación plena nos eventos institucionais, así como facilitarlles o acceso a toda a información que se transmite nestes actos. Trátase dunha colaboración que se prolonga desde hai anos e que se suma a outras centradas en diferentes ámbitos autonómicos.

Colaboracións en emerxencias e xustiza

É o caso da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), que facilita o acceso aos servizos de emerxencias das persoas con discapacidade auditiva e da fala. Así, o 112 Galicia conta desde hai anos cun sistema de chat e tamén co servizo de vídeo interpretación en lingua de signos da Xunta de Galicia (Bildtec). Ademais, incorporou a videointerpretación en lingua de signos aos consellos de autoprotección dispoñibles na web do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia. A nivel nacional, dispón das funcionalidades de interpretación a distancia da plataforma SVIsual.

A maiores, no eido da xustiza cóntase con intérpretes en lingua de signos nos xulgados, tribunais, fiscais e en todos os servizos, así como coa dispoñibilidade permanente destes profesionais nas gardas. Trátase dun servizo de atención permanente operativo todos os días do ano que garanta que sempre haxa dispoñible un intérprete en lingua de signos para que poida acompañar ás persoas con discapacidade auditiva e xordocegas que o requiran nas súas xestións ante os servizos xudiciais.

Data de actualización: 19/03/2024