O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, presentou o 34º Congreso Internacional da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría que terá lugar no mes de maio

A Xunta destaca que Galicia consolídase como un dos lugares coa maior esperanza e calidade de vida

Lembra que a nosa Comunidade foi seleccionada por un comité internacional para analizar a súa calidade e lonxevidade, así como a súa posible catalogación como ‘zona azul’

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2024

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou que Galicia estase a consolidar como un dos lugares coa maior esperanza e calidade de vida de todo o mundo. Así o apuntou na presentación que tivo lugar esta mañá do 34º Congreso Internacional da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría que terá lugar en Santiago no mes de maio e que contará con importantes poñentes de talla internacional. 

O director xeral agradeceu á Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría o impulso deste encontro que permitirá poñer en común propostas e novos retos que melloren a atención das persoas de máis idade. O Goberno galego apoia este congreso que atenderá a aspectos demográficos, do envellecemento e da lonxevidade e que leva por título ‘Longevidad: Retos y oportunidades. Galicia, un lugar para vivir y envejecer saludablemente’. 

Neste sentido, Antón Acevedo lembrou que Galicia foi seleccionada por un comité internacional para analizar a súa calidade de vida e lonxevidade. As denominadas zonas azuis permitirán determinar se algúns concellos do suroeste galego reúnen as características para formar parte deste selecto grupo conformado unicamente por cinco rexións en todo o mundo. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/03/2024