A Xunta destaca o bo exemplo do equipo monfortino gañador do certame nacional ‘Coñecementos financeiros’

A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa da Consellería de Educación transmítelles as felicitacións do Goberno galego a estes rapaces do Instituto IES Río Cabe “por ter superado este reto co mellor resultado”

Proclamáronse gañadores tras superar unha disputada final que consistiu nun concurso de preguntas e respostas fronte a outro centro de Cáceres 

Monforte de Lemos (Lugo), 18 de marzo de 2024

A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, visitou hoxe aos membros do equipo do Instituto IES Río Cabe de Monforte de Lemos gañador do concurso nacional Coñecemento financeiros, organizado polo Banco de España e a Comisión Nacional do Mercado de Valores.

A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades transmitiulles as felicitacións da Xunta “por ter superado co mellor resultado este reto, no que non só tiveron que amosar unha gran solvencia a nivel de coñecementos, senón a capacidade de facer fronte aos nervios”. “Sodes un exemplo para os voso compañeiros”, afirmou.

Non en balde, o equipo monfortino proclamouse gañador tras superar unha disputada final que consistiu nun concurso de preguntas e respostas sobre cuestións financeiras no que se enfrontaron ao Colexio Santísima Trinidad, de Plasencia (Cáceres). Ademais dunha tablet para cada integrante do equipo, o centro recibiu 3.000€ para material escolar. 

Precisamente co gallo deste triunfo, a OCDE decidiu celebrar o primeiro acto da 12ª edición da Global Money Week no Instituto IES Río Cabe, cun taller sobre cultura financeira. O obxectivo deste campaña mundial é fomentar a educación financeira, unha liña de actuación que tamén desenvolve a Xunta de Galicia con formación específica para os docentes e unha materia na ESO.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/03/2024