A Xunta participa nun simulacro de accidente aéreo no aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro

O obxectivo do exercicio foi analizar a coordinación dos distintos colectivos e a capacidade de resposta a unha emerxencia aeronáutica

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2024

A Xunta participou hoxe nun simulacro de accidente aéreo que tivo lugar no Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro co obxectivo de analizar a coordinación dos distintos colectivos que actuarían ante unha emerxencia aeronáutica. Así, comprobouse a actuación dos medios materiais e humanos dispoñibles e os procedementos de emerxencia do aeródromo.

O exercicio simulou o accidente dun avión con 39 pasaxeiros e seis tripulantes que na manobra de despegue sofre un incidente descoñecido e cae fóra do recinto aeroportuario, no concello de Boqueixón. Como consecuencia, falecen 27 persoas, 10 resultan feridas graves e 15 saen ilesas.  

Ante unha situación destas características e seguindo os protocolos, mobilizáronse os medios propios do aeroporto a través do seu plan de autoprotección e habilitáronse distintas salas para a atención á pasaxe e tripulación ilesa, así como a familiares. Por parte da Xunta, activouse o Plan Territorial de Emerxencias (Platerga) en nivel dous e o Plan sectorial de atención a vítimas e familiares. O Centro de Coordinación Operativa constituíse no aeroporto, onde o director xeral de emerxencias, Santiago Villanueva asumiu a dirección do Plan. A dirección do Posto de Mando Avanzado, constituído nas proximidades do lugar do accidente, foi exercida polo xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, e nel integráronse os responsables dos diferentes grupos operativos.

Organismos implicados

Por unha banda mobilizáronse medios internos do aeroporto, como persoal do servizo de extinción de incendios e salvamento. Por outra parte, entre os medios externos figuran a Dirección xeral de Emerxencias e Interior, a Axencia Galega de Emerxencias (Axega), as Urxencias Sanitarias de Galicia 061, Cruz Vermella, os bombeiros de Santiago e do consorcio provincial, Protección Civil de Boqueixón e de Santiago, Garda Civil, Policía Nacional, Policía Local de Santiago e persoal do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) e do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE).

A Xunta destaca a  importancia da aposta pola prevención, como mellor ferramenta de preparación para garantir a eficacia ante ás posibles emerxencias  para o que periodicamente programa e participa en simulacros. No caso dos simulacros xerais aeronáuticos débense realizar cada dous anos para dar cumprimento ao Plan de Emerxencia do aeroporto. O último exercicio levado a cabo no aeroporto compostelán realizouse hai un ano e centrouse na atención a familiares.

Data de actualización: 15/03/2024