A Xunta presenta en Granada a marca Artesanía de Galicia como exemplo de posicionamento no mercado

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá no Workshop “Artesanía alpujarreña y moda sostenible. Resignificar la artesanía”, que impulsa o Centro de Referencia Nacional de Artesanía dentro do seu programa Artesanía de Vanguardia Alpujarra

Na programación do evento inclúense as charlas dos artesáns galegos Santiago Besteiro (Monterroso), especializado en coiro e gañador do Premio Emprendemento nos Premios Nacionais de Artesanía 2022, e Aitor. (Tomiño), especializado na tornería de madeira

Yegen (Granada), 15 de marzo de 2024

A Consellería de Economía, Industria e Innovación participa na iniciativa Artesanía de Vanguardia Alpujarra, impulsada en Granada polo Centro de Referencia Nacional de Artesanía Centro Albayzín dende o mes de febreiro. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, falou esta mañá en Granada de Artesanía de Galicia. A marca como elemento diferenciador, no marco do workshop “Artesanía alpujarreña y moda sostenible. Resignificar la artesanía”, que pecha a programación desta iniciativa, no que explicou as políticas públicas en materia de artesanía impulsadas pola Xunta. 

Durante a súa intervención, Fabeiro explicou o papel da marca Artesanía de Galicia como elemento de diferenciación de calidade, oficio e territorio do produto artesanal deseñado e elaborado en Galicia, e falou do posicionamento desta marca no mercado internacional, así como do establecemento de sinerxías e colaboracións con outros sectores que poden abrir liñas de traballo e novos mercados para os artesáns como é o caso da gastronomía, a través do proxecto Artesanía no Prato, do interiorismo e da decoración, da moda ou da arquitectura. 

Así mesmo, destacou o papel do rural no emprendemento artesán dos últimos anos, debido á gran dispersión de poboación característica da nosa comunidade, e que está a permitir fixar poboación e dinamizar estas zonas máis rurais cun emprego especializado e enriquecelo coa incorporación deste tipo de actividades non agrícolas. 

A xerente da Fundación explicou tamén outras iniciativas impulsadas desde a Xunta para divulgar os oficios artesáns e para impulsar o relevo xeracional de oficios tradicionais, a través dos proxectos Artesanía na Escola –dirixido a familiarizar os máis pequenos coa nosa artesanía e amosarlle os oficios como un modo de vida– e o programa de formación “Aprender da tradición. Oficios e técnicas” destinado a fomentar a remuda xeracional.  

A participación galega nesta iniciativa complétase coa presenza dos artesáns Santiago Besteiro, especializado no traballo da marroquinería e gañador do Premio Promociona nos Premios Nacionais de Artesanía 2022, e Aitor. (Tomiño), especializado en tornería de madeira e finalista na mesma categoría na última edición destes premios, coa realización de demostracións do seu traballo xunto co doutros artesáns. 

O obxectivo do proxecto Artesanía de Vanguardia Alpujarra é xerar un entorno favorable ao emprendemento, novas oportunidades de negocio e un cambio de modelo produtivo. O Workshop que se está a desenvolver entre onte e hoxe busca achegarlle ás persoas participantes unha visión novidosa da artesanía tradicional da zona, orientada cara ás novas tendencias do consumo e da moda sustentable, para o que se conta coa participación de profesionais de referencia do sector artesán de toda España, entre os que se atopa Artesanía de Galicia. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/03/2024