A Xunta pon en valor o traballo altruísta da agrupación de voluntarios de Protección Civil de Mos no seu 30 aniversario

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou no acto conmemorativo, no que se fixo balance da traxectoria deste servizo e un recoñecemento ás persoas voluntarias que o integran

O Goberno galego mantén o seu compromiso no funcionamento e na dotación de equipamento dos servizos de emerxencias da comunidade para contribuír a unha Galicia máis segura

Mos (Pontevedra), 16 de marzo de 2024

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na conmemoración do 30 aniversario da agrupación de voluntarios de Protección Civil de Mos, da que actualmente integran case unha trintena de persoas. No evento fíxose un repaso sobre as tres décadas de historia deste servizo e a súa importancia para a seguridade da comarca, ademais de recoñecer o traballo altruísta dos voluntarios e voluntarias que formaron parte da agrupación nestes anos.   

Santiago Villanueva lembrou que, pese a tratarse dunha competencia dos municipios de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación, a Xunta mantén o seu compromiso cos servizos de emerxencias dos concellos. De feito, só nas agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC) da comunidade, o Goberno galego leva investidos máis de 14 millóns só en materia de equipamento, ademais de colaborar cada ano con axudas ao funcionamento a través dunha orde anual de 340.000 euros que este ano xa se publicou. A última convocatoria resolta de apoio a gastos de mantemento correspondente a 2023 beneficiou a 189 colectivos, entre eles o de Mos, que ten recibido nos últimos anos achegas por máis de 25.400 euros.

Durante a súa intervención, o director xeral de Emerxencias e Interior destacou que este acto conmemorativo serviu de punto de encontro para poñer en valor o labor desinteresado que levan a cabo a diario os máis de 4.400 efectivos das 235 agrupacións de voluntarios de Protección Civil da comunidade, tamén os de Mos, en apoio aos servizos de emerxencias, tanto en tarefas de prevención como nas intervencións, e sendo en moitas ocasións os primeiros en chegar ao lugar da incidencia.

Nesta liña, lembrou que para contribuír a unha Galicia máis segura, a Xunta mantén o seu compromiso para contar con servizos de emerxencias ben equipados e formados. A formación recíbena na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) no marco do seu plan de formación continua e nos cursos para obter o carné de voluntario de Protección Civil.

Só na dotación de material, o investimento supera os 27 millóns de euros en material cedido tanto ás AVPC como aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). Así, o GES de Mos, entre o material recibido nos últimos anos por parte da Xunta, conta cun novo camión tipo Bomba Rural Pesada (BRP) ou un equipo de excarceración.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/03/2024