A Xunta e a Asociación de Talleres de Reparación de vehículos de Ourense deseñarán unha campaña de asesoramento sobre seguridade e saúde no traballo

 O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) porá en marcha xunto con Atave a iniciativa que busca sensilizar e asesorar a empresas e traballadores desta actividade sobre as principais medidas de seguridade, de hixiene industrial e de prevención de riscos ergonómicos e psicosociais 

A campaña comezará en Ourense co obxectivo de estendela a toda Galicia

Técnicos do Issga visitarán os talleres ourensáns para coñecer as súas principais demandas antes de elaborar a campaña

 Un 90% dos 350 talleres que hai na provincia están asociados a Atave polo que se prevé chegar á meirande parte deles

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2024

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), xunto coa Asociación de Talleres de Reparación de Vehículos de Ourense (Atave), porán en marcha unha campaña de asesoramento e sensibilización sobre os principais riscos no traballo, as medidas de seguridade e de promoción da saúde laboral.

Esta colaboración acordouse nunha reunión que esta semana mantivo a xerente do Instituto, Adela Quinzá-Torroja, co presidente de Atave, Ricardo Borrajo, na que se abordaron os aspectos desta actividade no eido da prevención de riscos laborais co obxectivo de acadar un mellor cumprimento na xestión preventiva. 

A campaña pretende asesorar e sensibilizar tamén sobre os cambios normativos e as novidades técnicas, así como sobre as novas formas de traballo derivadas da dixitalización do mercado laboral. Para deseñala, técnicos do Issga reuniranse antes con empresarios e traballadores de talleres para coñecer as súas principais preocupacións e recoller, así, as súas demandas. Os técnicos, ademais, achegarán o seu coñecemento na materia. 

A iniciativa, unha vez elaborada, difundirase a todos os talleres da provincia de Ourense. A idea é chegar a todos eles a través de Atave, xa que un 90% dos 350 talleres que hai na provincia están asociados. Ademais, a intención é estendela con posterioridade a toda Galicia.

Data de actualización: 17/03/2024