A Xunta licita por 575.00 euros o servizo de explotación e mantemento da presa de Baiona e da presa do Con, en Vilagarcía de Arousa

A Plataforma de contratos de Galicia recolle a licitación en dous lotes destes traballos, cun prazo de execución de 24 meses

Trátase de garantir a funcionalidade destas presas e o cumprimento das obrigas en materia de seguridade para a súa debida explotación

O contrato inclúe a dirección de explotación das presas e operación dos seus equipos e instalacións, acorde coas normas de explotación, así como a dirección do plan para a xestión e control das emerxencias

Tamén inclúe os servizos de conservación de todos os dispositivos de control, órganos de desaugadoiro, accesos e demais instalacións, equipos auxiliares e sistemas de comunicación e seguridade

As empresas interesadas en desenvolver este contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 25 de abril

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de licitar a contratación do servizo para a explotación e mantemento da presa de Baiona e da presa do Con, en Vilagarcía de Arousa.

A Plataforma de contratos de Galicia recolle hoxe a licitación deste servizo, dividido en dous lotes, un por cada presa, cun orzamento total de 575.000 euros. Os traballos contan cun prazo de execución de 24 meses.

O lote 1 deste contrato céntrase na presa de Baiona, que encora as augas do río Baíña, e está situada no concello de Baiona; e o lote 2 refírese á presa do Con, situada no concello de Vilagarcía de Arousa.

A subdivisión en lotes deste contrato deriva da agrupación dun conxunto de servizos distintos que son susceptibles de utilización ou aproveitamento por separado, os cales constitúen por si mesmos un conxunto de prestacións diferenciadas.

O obxectivo do contrato licitado hoxe é garantir a funcionalidade das presas e o cumprimento das obrigas en materia de seguridade para a debida explotación, en particular o Real Decreto 264/2021, do 13 de abril, polo que se aproban as normas técnicas de seguridade para as presas e os seus encoros.

Máis en concreto, a través deste contrato, trátase de explotar, conservar e manter estas dúas presas, así como os seus equipos e instalacións.

Para isto, os servizos licitados inclúen a dirección de explotación das presas e operación dos seus equipos e instalacións, segundo o establecido nas normas de explotación, así como a dirección do plan para a xestión e control das emerxencias e mantemento da súa implantación.

Tamén se inclúe a conservación de todos os dispositivos de control, órganos de desaugadoiro, accesos e demais instalacións, equipos auxiliares e sistemas de comunicación e seguridade das presas.

As empresas interesadas en desenvolver este contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 25 de abril.

Data de actualización: 15/03/2024