Máis da metade da poboación de Galicia declara que sufriu un incidente de ciberseguridade no último ano

O Observatorio da Sociedade da Información e Modernización publica o seu informe anual sobre “O estado da Ciberseguridade en Galicia”

Máis do 70% das persoas consultadas asegura ter coñecementos sobre a información que se comparte en internet e un 42% denega permisos para usar datos con fins publicitarios

  • Un 5% das empresas de menos de 10 persoas empregadas tivo algún ciberincidente e a porcentaxe elévase ao 16% no caso das empresas de maior tamaño
  • O 24,6% das empresas TIC de Galicia ofrecen servizos ou produtos para a seguridade da información, o que representa o 34,5% da súa facturación

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2024

Un 53,3% da poboación de Galicia sufriu algún incidente de ciberseguridade no último ano, segundo os datos publicados hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA) no seu informe anual “O estado da ciberseguridade en Galicia”.

O 70,3% das persoas galegas usuarias da internet afirman que posúen coñecemento sobre o uso e funcións das cookies (información compartida polos navegadores de internet). O 49% fai copias de seguridade dos dispositivos e o 42% utiliza activamente a posibilidade de denegar o permiso de uso da información persoal para fins publicitarios.

Por outra banda, o mercado da ciberseguridade crece, e xa traballan nel o 24,6% das empresas TIC, para as que supón o 34,5% da súa facturación.

O estudo do OSIMGA, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, baséase en datos procedentes do Instituto Galego de Estatística (módulo de novas tecnoloxías da Enquisa estrutural a fogares), do Instituto Nacional de Estadística (Enquisa sobre uso das TIC e comercio electrónico nas empresas) e do propio Observatorio (Enquisa ás empresas TIC de Galicia).

Poboación xeral

O 53,3% da poboación sufriu algún incidente de ciberseguridade no último ano, a maioría deles relacionados co spam (92,8%) ou con intentos de estafa (26,2%).

O estudo reflicte que, a maior nivel de estudos maior é o risco de sufrir un incidente de ciberseguridade. As persoas con estudos de nivel superiores sofren máis incidentes deste tipo, pero tamén son as que usan de forma máis frecuente e avanzada os servizos e produtos de internet.

Tamén existen grandes diferenzas entre as principais cidades galegas na probabilidade de que os internautas sufran algún incidente de ciberseguridade. Pontevedra é a cidade de Galicia coa probabilidade máis alta, ao alcanzar unha cifra superior ao 75%, mentres que en Ferrol é onde menos probabilidade existe, cunha porcentaxe do 42%.

O móbil é un dispositivo electrónico máis utilizado pola cidadanía e a medida de seguridade máis habitual para protexelo é o pin ou patrón de desbloqueo, cun uso do 90,4% da cidadanía galega. A medida que máis aumenta é o uso da identificación por pegada ou outros datos biométricos, que usan o 50,4% das persoas.

Facer regularmente copias de seguridade da información persoal é a acción máis realizada para protexer a información. Entre a poboación que usou Internet no último ano en Galicia, o 49% leva a cabo esta acción, seguida da negación de permisos do uso da información persoal para fins publicitarios, co 42%. Un 58% da poboación declara que actualiza periodicamente os produtos de seguridade informática.

Empresas de Galicia

Menos dun 5% das empresas de cero a nove persoas empregadas con sede en Galicia tiveron algún incidente de ciberseguridade no último ano. Esta porcentaxe elévase cando aumenta o tamaño da empresa e sitúase ao redor dun 16% nas empresas con máis de 10 persoas.

É nestas empresas de maior tamaño onde máis medidas de seguridade TIC se empregan. Un 86,2% declaran facer uso delas. A medida máis empregada polo conxunto de empresas é a autenticación mediante contrasinal forte.

Apréciase unha tendencia negativa nos últimos dous anos no emprego de medidas de seguridade TIC nas empresas. Dende o ano 2020 ata o ano 2022 o emprego das medidas que se analizaron na enquisa evolucionou dende un 67,5% ata un 52% no caso das pequenas empresas.

O 8,2% das empresas que contan con 10 ou máis persoas empregadas e teñen a súa sede en Galicia dispoñen dun especialista en ciberseguridade dentro do seu persoal TIC.

Sector TIC

A porcentaxe de empresas TIC galegas que en 2022 ofreceron servizos e produtos de ciberseguridade era do 24,6%. Subiu dous puntos sobre o ano anterior, coincidindo co  aumento da demanda de produtos de ciberseguridade altamente especializados.

Entre os servizos de ciberseguridade ofrecidos destaca a certificación normativa, cunha presenza do 72% entre as que ofertan ciberseguridade. O ano anterior este servizo non alcanzaba o 7%.

Outro servizo que crece ata máis do 60% é a xestión de incidentes, que aumenta case dez puntos porcentuais no último ano. Das empresas que venden servizos ou produtos de ciberseguridade, o 84,5% ten entre a súa clientela ao sector industrial. O resto dos sectores, xa moi detrás deste, son loxística e transporte, agroalimentario, téxtil e madeira.

Os que máis crecen no peso da clientela no último ano son o sector audiovisual (+10,8 puntos), sector naval (+7,5 puntos) e o da loxística e transporte (+5,3 puntos).

Ao longo do ano 2022, aproximadamente un 25% das empresas TIC  de Galicia declaran que sufriron un incidente de seguridade informática.

O incidente de seguridade máis común nas empresas TIC son as estafas ou intentos de estafa, que ademais aumentou de forma sostida dende o ano 2019 ata o 67,6%. As infeccións con virus son os segundos incidentes máis comúns nestas empresas pero a súa incidencia tende á baixa durante os últimos anos, ata o 28,3%. A suplantación de identidade acada o 17,5%, mentres a perda de información, co 15,5%, presenta tendencia irregular, máis ben ascendente.

O 96,9% das empresas TIC empregan medidas de seguridade que se analizan e, entre estas medidas, destacan a de manter o software actualizado. Outras medidas relevantes entre as empresas TIC son a autenticación mediante contrasinal forte e copia de seguridade de datos nunha ubicación separada.

Pódense consultar os resultados detallados no informe, publicado en OSIMGA.GAL.

Data de actualización: 16/03/2024