A Xunta abre o prazo para presentar propostas de aproveitamento nas parcelas das aldeas modelo ourensás de Taboadela, Avión e Vilariño de Conso

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se aproban as bases reguladoras do procedemento de concorrencia competitiva para a selección de ditas propostas, na que tamén se inclúe a aldea modelo de Ferreiros, en Ames

A actividade principal á que están dirixidas é a gandaría en extensivo e os cultivos agrícolas complementarios á explotación, tendo en conta tamén a plantación de froiteiras e castiñeiros para a obtención de froito ou a apicultura

Os interesados en poñer a producir as terras que compoñen estas aldeas modelo poden remitir as súas solicitudes no prazo de 15 días naturais a contar desde mañá

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se aproban as bases reguladoras do procedemento de concorrencia competitiva para a selección de propostas de cara ao aproveitamento de parcelas incorporadas nas aldeas modelo ourensás de Covelo, en Taboadela; de Cortegazas, en Avión; e en Soutogrande, na localidade de Vilariño de Conso; xunto coa coruñesa de Ferreiros, en Ames.

Dentro da provincia de Ourense, na aldea modelo de Covelo (Taboadela) a actividade principal está dirixida ao aproveitamento de gando en extensivo compatible co aproveitamento das masas de frondosas caducifolias, así como cultivos agrícolas complementarios para o gando. Como actividade secundaria, teranse en conta cultivos leñosos como as froiteiras ou castiñeiros para froito. Neste caso, a aldea modelo conta cun perímetro de 15,05 hectáreas, divididas en 223 parcelas de 109 propietarios.

Pola súa banda, en Cortegazas (Avión) tamén se terá como actividade principal o aproveitamento de gando en extensivo, compaxinándoo coas importantes masas de frondosas caducifolias existentes, cultivos complementarios ao gando e aproveitamento apícola. Como actividade secundaria, os cultivos leñosos como poden ser a plantación de árbores froiteiras, principalmente a plantación de castiñeiro para froito. Esta aldea modelo abrangue 17,88 hectáreas, distribuídas en 727 parcelas de 99 propietarios.

Por último, en Soutogrande (Vilariño de Conso) perfílase como actividade principal a gandería en extensivo e cultivos agrícolas complementarios á explotación, así como o aproveitamento da castaña na zona de souto, uníndoo ao apícola. Como actividade secundaria propóñense os cultivos leñosos, como pode ser plantación de froiteiras, principalmente castiñeiro para froito. A aldea modelo abrangue 34,54 hectáreas, distribuídas en 99 parcelas de 46 propietarios.

No caso da aldea modelo de Ferreiros, en Ames, a actividade principal tamén será a gandería en extensivo e os cultivos agrícolas complementarios á explotación. Ademais, terá como recurso secundario os cultivos de horta e leñosos, principalmente plantación de froiteiras e castiñeiros para obtención de froito, e o aproveitamento apícola.

Presentación de propostas

Cómpre engadir que poderán presentar propostas de aproveitamento as persoas físicas e xurídicas, as administracións públicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas traballadoras autónomas. Para o exercicio da súa actividade, os solicitantes deberán dispor das autorizacións, permisos ou licenzas administrativas preceptivas, estar inscritas nos rexistros públicos que sexan pertinentes, e cumprir con calquera outro requisito esixido polas disposicións aplicables.

Canto ás propostas, deben axustarse á normativa sectorial que resulte de aplicación en cada caso e aos proxectos de ordenación produtiva aprobados para cada aldea modelo. O prazo para que a Xunta dite resolución expresa e a notifique será de cinco meses, a contar desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes. 

Así, os interesados en poñer a producir estas terras terán un prazo de 15 días naturais para facer chegar as súas solicitudes, contados a partir de mañá.

As aldeas modelo en Galicia

A Lei de recuperación da terra agraria de Galicia inclúe as aldeas modelo como unha das súas ferramentas para a mobilización de terreo infrautilizado. A nosa comunidade conta con 21 aldeas modelo aprobadas, das cales 14 se atopan na provincia de Ourense, e que permitiron poñer en valor 575 hectáreas dentro das 35.000 que se mobilizaron desde o 2020 grazas ás ferramentas incluídas en dita lei xunto coas concentracións parcelarias.

Todas estas aldeas modelo estarán en funcionamento antes de que remate o ano para cumprir co obxectivo de fomentar a posta en marcha de actividade agrogandeira en terras que se atopan en estado de abandono ou infrautilización, dinamizando os núcleos das aldeas, favorecendo a remuda xeracional e fixando poboación no rural. Esta norma, que tamén contempla outros instrumentos como os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta ou as permutas de especial interese agrario, contribúen á prevención e á defensa contra os lumes.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240315/AnuncioO90-060324-0001_gl.html.

Data de actualización: 15/03/2024