A Xunta abre o prazo para presentar propostas de aproveitamento nas parcelas da aldea modelo de Ferreiros, no concello coruñés de Ames

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se aproban as bases reguladoras do procedemento de concorrencia competitiva para a selección de dita proposta de aproveitamento, na que se inclúen outras tres aldeas modelo de Ourense

A actividade principal á que está dirixida é a gandaría en extensivo e os cultivos agrícolas complementarios á explotación, así como de horta, tendo en conta tamén a plantación de froiteiras e castiñeiros para a obtención de froito

Os interesados en poñer a producir as terras que compoñen estas aldeas modelo poden remitir as súas solicitudes no prazo de 15 días naturais a contar desde mañá

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se aproban as bases reguladoras do procedemento de concorrencia competitiva para a selección de propostas de cara ao aproveitamento de parcelas nas aldeas modelo de Ferreiros, no concello coruñés de Ames; e outras tres na provincia de Ourense, a de Covelo, en Taboadela; de Cortegazas, en Avión; e en Soutogrande, na localidade de Vilariño de Conso.

No caso da aldea modelo de Ferreiros, na zonificación establécese como actividade principal a gandería en extensivo e os cultivos agrícolas complementarios á explotación. Como actividades secundarias, os cultivos de horta e leñosos, principalmente plantación de froiteiras e castiñeiros para obtención de froito, considerándose a maiores en toda a aldea e como actividade complementaria, o aproveitamento apícola. A súa superficie é de 9,83 hectáreas, distribuídas en 128 parcelas de 52 propietarios.

Por outra banda, nas aldeas modelo de Covelo, Cortegazas e Soutogrande o aproveitamento principal tamén está vinculado á gandaría en extensivo, complementándoa con diferentes cultivos agrícolas e tamén leñosos, con especial atención ao castiñeiro para froito. Na aldea de Soutogrande, en Vilariño de Conso, a maiores tamén se terá en conta a explotación apícola.

Presentación de propostas

Cómpre engadir que poderán presentar propostas de aproveitamento as persoas físicas e xurídicas, as administracións públicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas traballadoras autónomas. Para o exercicio da súa actividade, os solicitantes deberán dispor das autorizacións, permisos ou licenzas administrativas preceptivas, estar inscritas nos rexistros públicos que sexan pertinentes, e cumprir con calquera outro requisito esixido polas disposicións aplicables.

Canto ás propostas, deben axustarse á normativa sectorial que resulte de aplicación en cada caso e aos proxectos de ordenación produtiva aprobados para cada aldea modelo. O prazo para que a Xunta dite resolución expresa e a notifique será de cinco meses, a contar desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes. 

Os interesados en poñer a producir estas terras terán un prazo de 15 días naturais para facer chegar as súas solicitudes, contados a partir de mañá.

As aldeas modelo en Galicia

A Lei de recuperación da terra agraria de Galicia inclúe as aldeas modelo como unha das súas ferramentas para a mobilización de terreo infrautilizado. A nosa comunidade conta con 21 aldeas modelo aprobadas e permitiron poñer en valor 575 hectáreas, dentro das 35.000 que se mobilizaron desde o 2020 grazas ás ferramentas incluídas en dita lei xunto coas concentracións parcelarias.

Todas estas aldeas modelo estarán en funcionamento antes de que remate o ano para cumprir co obxectivo de fomentar a posta en marcha de actividade agrogandeira en terras que se atopan en estado de abandono ou infrautilización, dinamizando os núcleos das aldeas, favorecendo a remuda xeracional e fixando poboación no rural. Esta norma, que tamén contempla outros instrumentos como os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta ou as permutas de especial interese agrario, contribúen á prevención e á defensa contra os lumes.

 

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240315/AnuncioO90-060324-0001_gl.html.

Data de actualización: 15/03/2024