A Xunta pon en valor a súa aposta por un monte diverso, multifuncional e produtivo mediante a xestión forestal activa nunha xornada sectorial en Donostia

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participou hoxe en Donostia nunha mesa redonda dentro da xornada “Resiliencia climática incendios forestais, bioeconomía circular… Que modelo forestal queremos en Europa?”

O representante do Goberno galego puxo en valor a importancia da investigación dentro do Plan Forestal de Galicia, como panca de mobilización do sector

Donostia (País Vasco), 14 de marzo de 2024

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participou hoxe en Donostia nunha mesa redonda dentro da xornada “Resiliencia climática, incendios forestais, bioeconomía circular… Que modelo forestal queremos en Europa?” que organizan a unión de silvicultores do sur de Europa (USSE) e o Goberno Vasco, e que se celebrou no Palacio de Congresos Kursaal.

En concreto, José Luis Chan interveu no panel titulado “como aliñar as distintas políticas que afectan os bosques europeos coa investigación e a innovación e a súa aplicación sobre o terreo diante da crise climática”, no que tamén participaron, entre outros, expertos de Portugal, de Suecia e do Instituto Forestal Europeo.

Na súa intervención, o director xeral puxo en valor a política forestal da Xunta en xeral, centrándose especificamente na área da investigación. Este eido, explicou Chan, ten unha consideración especial dentro da 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia “cara a neutralidade carbónica”. Así, este documento, que define a folla de ruta para o monte galego no horizonte de 2040, ten un apartado específico centrado no fomento do I+D+i forestal, como panca de mobilización do sector.

Neste contexto, o director xeral reiterou tamén a aposta do Goberno galego por un monte diverso, multifuncional e produtivo, garantindo a xestión forestal activa como unha das fórmulas claves para a xestión do territorio, cara o fomento dun medio rural vivo e a fixación da poboación, sempre respectando a tripla sustentabilidade medioambiental, económica e social.

En parecidos termos, José Luis Chan puxo en valor a colaboración público-privada pola que aposta a Xunta para impulsar este sector. Dentro dese obxectivo estratéxico, quixo valorar as diferentes liñas de axudas destinadas a aspectos como o fomento da silvicultura, das superficies forestais de frondosas e coníferas ou da ordenación e a certificación forestais, ademais de fitos como o Inventario Forestal Continuo, que constitúe -dixo- unha completa e actualizada radiografía do monte galego, de gran utilidade na toma de decisións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/03/2024