Cerdedo-Cotobade e a Xunta de Galicia colaboran na oficialización dos baños de San Xusto como augas mineromedicinais e termais

Pontevedra, 14 de marzo de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, recibiu ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que se achegou ao edificio administrativo da Xunta en Pontevedra para manter unha reunión de traballo.

O delegado, acompañado polas xefas territoriais de Sanidade e Industria, mostrouse decidido a colaborar con Cubela para seguir avanzando no proxecto dos baños de San Xusto. Un espazo que conta cunha gran tradición popular e que o alcalde está decidido a converter nun lugar de referencia no que se refire ás augas mineromedicinais e termais.

Neste sentido, o concello de Cerdedo – Cotobade e a Xunta de Galicia traballan en colaboración para oficializar o status destes baños, algo que permitirá nun futuro o seu aproveitamento e promoción e que podería potenciar a actividade económica e turística da comarca.

O delegado territorial rematou a reunión lembrando a importancia da colaboración entre institucións e agradecendo ao alcalde de Cerdedo-Cotobade o seu empeño e compromiso para “mellorar e potenciar un recurso que de seguro axudará a crecer ao seu concello”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/03/2024