O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou esta mañá o centro público autonómico de Bouzas

A Xunta abre o sábado o prazo de solicitude nas nove escolas infantís públicas autonómicas de Vigo

Estes centros ofrecen máis de 670 prazas na cidade para nenos de 0 a 3 anos

Vigo, 14 de marzo de 2024

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou esta mañá a escola infantil pública autonómica de Bouzas, onde lembrou que este sábado abre o prazo para que as familias soliciten praza para o vindeiro curso 2024-25. Así mesmo, lembrou que este ano será o terceiro no que a atención educativa será 100% gratuíta para todos os nenos e para todas as escolas, independentemente da súa titularidade.

Jacobo Rey remarcou que son nove as escolas infantís de titularidade autonómica na cidade de Vigo: esta escola infantil de Bouzas, a de Valadares, a da rúa Palencia, a escola infantil Relfas, a de Rosalía de Castro, a de Caeiro Cabral, a de San Paio, a do complexo administrativo da Xunta e a da Cidade da Xustiza. En total, estes centros ofrecen máis de 670 prazas para nenos de 0 a 3 anos.

O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 5 de abril e as solicitudes poderán remitirse de xeito electrónico a través da sede da Xunta de Galicia ou acudindo de xeito presencial a calquera dos rexistros oficiais. Este ano, como novidade, as familias cuxos proxenitores traballen terán máis puntuación á hora de acceder ás escolas. Desta forma, terán máis facilidades para atender ás súas necesidades de conciliación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/03/2024