Segue aberto o prazo para solicitar as axudas para impulsar o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira de Galicia, dotadas con 800.000 €

Esta liña subvencionará proxectos que integren actividades de carácter formativo non regrado e promovan este eixe estratéxico da economía galega

As achegas buscan contribuír á percepción desta industria como un eixe estratéxico, innovador, moderno e esencial na transición cara ao novo modelo de economía circular

Estas achegas están enmarcadas na Axenda de impulso da industria forestal-madeira, unha folla de ruta deseñada conxuntamente cos principais axentes para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade

O prazo para presentar as solicitudes finalizará o vindeiro 1 de abril

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2024

A Xunta de Galicia lembra que o prazo para solicitar as axudas destinadas a impulsar o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira, dotadas cun orzamento de 800.000 euros, finalizará o próximo 1 de abril.

Estas axudas teñen como obxectivo estratéxico contribuír a unha concienciación colectiva baseada na percepción da industria forestal-madeira como unha industria estratéxica, innovadora, moderna e peza esencial na transición cara ao novo modelo de economía circular. Así, preténdese favorecer a participación dos axentes clave na formación da utilidade da madeira e dos seus produtos derivados.

Desta forma, apoiarase a organización de actividades formativas non regradas, tales como mestrados, cursos ou pílulas formativas relacionadas coa industria forestal-madeira. Todas as actividades terán que estar vencelladas á industria forestal-madeira e á súa cadea de valor.

Para proceder á execución destas actividades, poderán ser beneficiarios destas axudas as asociacións, organizacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira. Tamén as agrupacións empresariais innovadoras (AEI) representativas ou relacionadas co sector e os colexios profesionais e centros universitarios, cando as actividades subvencionables se correspondan con esta temática.

Axenda de impulso da Industria forestal-madeira

As axudas están enmarcadas na Axenda de impulso da industria forestal-madeira, unha folla de ruta deseñada conxuntamente cos principais axentes para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade. O obxectivo último é favorecer unha sociedade saudable, neutra en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais. Para iso, a Axencia busca mellorar o capital humano a través da formación, impulsar a innovación e a competitividade, así como o desenvolvemento e diversificación deste sector.

Ademais, dentro do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 Cara á neutralidade carbónica, inclúese o deseño, execución e seguimento dun programa de divulgación e comunicación da cultura forestal. O obxectivo é comunicar á sociedade a natureza singular, sustentable e renovable dos montes e dos seus produtos derivados, a través da programación de eventos, encontros, conferencias ou congresos sectoriais.

Con todo, cabe sinalar que Galicia conta cunha superficie forestal de máis de dous millóns de hectáreas e a súa actividade forestal xera grandes oportunidades e valor. Neste senso, na nosa Comunidade realízase un aproveitamento anual de preto de 10 millóns de metros cúbicos ao ano (en España aprovéitanse 17 millóns de metros cúbicos en total), o que supón preto de 300 millóns de euros ao ano en facturación por venda de madeira.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240301/AnuncioG0520-160224-0001_gl.html

Data de actualización: 13/03/2024