A Xunta e o Concello de Ortigueira reforzan a súa colaboración para atraer investimentos empresariais cara ao municipio coruñés

A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro co alcalde, Valentín Calvín, no que abordaron diferentes iniciativas para mellorar o aproveitamento das infraestruturas industriais do municipio

A Coruña, 12 de marzo de 2024

A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe na Coruña un encontro co alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, no que abordaron diferentes iniciativas para reforzar a colaboración entre a Xunta e o Concello co obxectivo de mellorar o aproveitamento das infraestruturas industriais do municipio e atraer novos investimentos empresariais.

Na xuntanza, na que tamén se puxeron en valor os diferentes programas cos que conta a Consellería de Economía, Industria e Innovación para apoiar as pequenas e medianas empresas e os autónomos en eidos como o financiamento, a internacionalización e a innovación, avaliáronse diferentes iniciativas para mellorar o aproveitamento de solo industrial na zona. Neste sentido, para facilitar a atracción de investimentos empresariais cara aos municipios galegos, o Goberno galego está a traballar para que o solo público empresarial autonómico teña custo cero durante os primeiros oito anos de actividade das compañías.

A Consellería de Economía, Industria e Innovación, que traballa co obxectivo de facer da Comunidade un polo de emprendemento industrial capaz de atraer investimentos, puxo en marcha diferentes medidas na Lei de acompañamento, entre elas, a elaboración dun mapa industrial de Galicia como instrumento clave para mellorar a atracción de empresas e a creación de sinerxías entre as diferentes actividades industriais. Así mesmo, o Goberno galego traballa para continuar facilitando os trámites aos proxectos que se queren implantar ou medrar na Comunidade e avanzar na desburocratización a través da Oficina Económica de Galicia.

Nestes momentos a Consellería de Economía, Industria e Innovación ten aberta a liña para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica dos parques empresariais, para a que se poden presentar solicitudes ata o 30 de abril e que conta cun crédito de 4,7 millóns de euros. Este programa compleméntase coa orde para modernizar as infraestruturas dos polígonos industriais, cun orzamento de 3,5 M€; e a dirixida tanto á creación como mellora de equipamento dos viveiros industriais, dotada con 1,5 M€, que veñen de pechar o seu prazo de presentación de solicitudes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/03/2024